publicidade hoxe

Continúan a bo ritmo as obras de creación da nova praza pública no igrexario de Soutullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Obras na praza Soutullo

Obras na praza Soutullo

A nova praza de Soutullo xa vai collendo forma despois de apenas catro semanas desde que comezaron a desenvolverse as primeiras actuacións dirixidas a acondicionar unha parcela municipal duns 850 metros cadrados de superficie situada xunto á igrexa de Santa Mariña, no que é o principal punto de encontro para os veciños desta parroquia.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de obras públicas, reuníronse no lugar das actuacións co responsable da empresa que está a executar o proxecto, Contrucciones Liscarmón S.L., con sede social na larachesa parroquia de Golmar. Os representantes do goberno local comprobaron como xa se está avanzando nas labores tanto de pavimentación como de construción do muro de pedra que separará a praza da calzada.

No Igrexario de Soutullo o Concello da Laracha está a investir 80.000 euros no acondicionamento deste novo espazo público que será polivalente ao ofrecer, polas súas características, diversidade de usos, tales como área de descanso, albergar eventos sociais da parroquia e mesmo como zona de estacionamento de vehículos cando así se requira. 

O pavimento que se está a colocar é de formigón e celosía de céspede, é dicir, os adoquíns colócanse separados uns poucos centímetros de maneira que eses ocos poidan ser colonizados pola vexetación. Deste xeito lograrase o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e rodado, pero permitindo o crecemento do céspede para reducir o impacto visual. Este é o tipo de pavimento que o Concello da Laracha, de acordo coa Dirección Xeral de Patrimonio, está a empregar habitualmente nas prazas públicas das parroquias, sendo os últimos exemplos as de Soandres e Lemaio (ambas, actualmente en fase de execución). 

Na praza de Soutullo tamén haberá espazos exentos de formigón nos que se habilitarán zonas axardinadas e serán plantadas árbores autóctonas.

O feito da proximidade ca Igrexa implica un coidado especial do impacto visual da actuación, que será mínimo xa que en ningún momento se ocultará o templo. A pesar de que a área a acondicionar se sitúa nunha plataforma superior, non se perde a escala do espazo e ningún elemento sobresae en altura. Ademais a plantación de árbores servirá para tapar a fachada posterior do cemiterio.

22 de outubro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.