publicidade hoxe

Conde sinala a nova grúa de Industrias Ferri para o parque eólico Wikinger como exemplo da diversificación do naval e o metal galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde en Gondomar

Francisco Conde en Gondomar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a nova grúa A2, que Industrias Ferri ten construído para o parque eólico offshore Wikinger adxudicado a Iberdrola, como exemplo da diversificación do naval e o metal galegos, desenvolvendo novas tecnoloxías para ampliar a súa produción, clientes e mercados de referencia. Conde participou na entrega da estrutura, a maior grúa offshore deseñada e fabricada en España, a Ibedrola, e subliñou a posición de Ferri á cabeza desa diversificación.

“Un proceso apoiado na potencia das nosas enxeñerías, e no que temos sido quen de acadar novos nichos en mercados emerxentes” do eido da eólica offshore, sinalou o conselleiro, que subliñou que nese proceso Galicia foi capaz de manter en Galicia a cadea de valor de toda esta nova produción. “Somos capaces de deseñar, aportar os materiais, construír as pezas, e ensamblar calquera estrutura ou máquina necesaria”, o que abre a porta a fixar máis e mellor tecido industrial, afirmou o conselleiro. 

Como mostra dese impacto que a eólica offshore ten en toda a cadea de valor galega, Conde resaltou o proceso construtivo da propia grúa entregada hoxe por Ferri. O 70% dos materiais e provedores contratados por Ferri para o desenvolvemento dos seus proxectos asociados ao Wikinger foron realizados con empresas de Galicia, “o que fala dun camiño diversificador que aposta por Galicia e que ten o constante apoio do Goberno galego”, que –salientou Conde- está a apuntalar tanto as infraestruturas tecnolóxicas, como os proxectos de innovación necesarios para poñer ao tecido produtivo galego á cabeza deste sector con tanto potencial.

Conde agradeceu a Iberdrola a confianza en Galicia para executar na comunidade a construción de boa parte do parque Wikinger, que suma 70 turbinas de 5MW e que supón un fito para a industria galega, xa que Iberdrola encargou a Navantia a metade dos jackets sobre os que irán as turbinas, e a Ferri os 70 pescantes e as 70 grúas que van instaladas nas mesmas. A principal grúa á a que hoxe entregou a Iberdrola, unha “obra mestra da enxeñería galega e unha mostra de ata onde pode chegar o talento galego”. 

O conselleiro salientou ademais outros fitos na traxectoria de Ferri, con proxectos como o primeiro robot multifunción de España dedicado a traballar en contornas perigosas, como siderurxias, incendios, demolicións ou zonas de risco nuclear, no que sumou os esforzos de Aimen e a UDV e polo que xa teñen amosado interese empresas de México e Perú; o proxecto A-Tempo de tecnoloxías mariñas, no que ten participado xunto a outras empresas e a UDC no deseño dun novo buque offshore para a instalación de aeroxeradores en alta mar; ou os guindastres para o oceanográfico Discovery, que Freire construíu para Reino Unido.

29 de outubro de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.