Conde salienta a labor da empresaria Evangelina Barros agraciada coa insignia de ouro da asociación IEN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarón
A-
A+
Francisco Conde na entrega da insignia

Francisco Conde na entrega da insignia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe á nedense Evangelina Barros, propietaria de Panadería La Nueva, como “espello da Galicia das ideas, do esforzo, do risco e da perseverancia”.

Conde participou na entrega á empresaria da Insignia de Ouro da asociación Iniciativa Empresarial del Noroeste por Europa, un recoñecemento que chega despois dunha traxectoria na que, tras facerse cargo do negocio familiar, multiplicou por oito os traballadores contratados en apenas 15 anos, ata acadar os 86 empregados. Neste senso, gabou o “saber crecer facendo as cousas ben, con esforzo e seriedade, creando emprego” e apuntou a Barros como modelo da “Galicia que aspiramos a crear”.

Conde resaltou que os establecementos postos en marcha pola empresaria “son hoxe sinónimo de forno, de sabor, e sobre todo, de calidade”, e subliñou que a propietaria da Panadería La Nueva “sempre amosou estar disposta a responder a calquera desafío, por difícil que fóra”, cambiando de país e de sector ao longo da súa vida profesional, e levando o negocio familiar “máis aló do que nunca fóra”.

O conselleiro apuntou a Evangelina Barros como símbolo do emprendemento dos galegos “que apostan todo o seu coraxe a unha idea ou a un soño”, un esforzo que, resaltou, é común entre os membros da Iniciativa Empresarial del Noroeste por Europa, que con máis de 400 pemes e autónomos, dixo o Conde, xoga un papel fundamental en apoio do tecido empresarial da comarca, cunha clara vocación europea pero sobre todo o convencemento de que “a cooperación é tan importante como a competición para facer Galicia”.

9 de outubro de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.