Conde destaca que Conxemar é a demostración de que a industria galega de transformación de produtos do mar é un referente internacional

Francisco Conde en Conxemar
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita a Conxemar que está feira “é unha demostración clara de que a industria galega de transformación dos produtos do mar é un referente a nivel internacional”.
Conde, que apuntou que con Conxemar Galicia e Vigo se converten un ano máis no mellor escaparate cara a España e cara ao mundo para presentar as novidades e os novos produtos que se están a desenvolver, coa participación de 36 países, sinalou que as cifras están tamén a demostrar o saber facer do sector e da industria galega.
Así, Francisco Conde fixo referencia ao “comportamento moi positivo” do índice de produción industrial, que aumenta un 4,1% en Galicia en agosto, e que no acumulado do ano experimenta unha suba do 3,8%, o que supón 5 décimas máis que a media. Destacou o conselleiro a boa evolución do sector da alimentación dentro deste índice, cun crecemento no acumulado de xaneiro a agosto do 4,5%, máis de 4 puntos máis que o conxunto de España.
Do mesmo xeito, o conselleiro recalcou na súa visita a Conxemar que Galicia está a rexistrar un ano máis récords de exportacións, subliñando ademais que as vendas ao exterior de peixes e mariscos conxelados se incrementaron nun 9,2% o ano pasado.
Tal e como apuntou o responsable de Economía, Emprego e Industria, “este é o camiño claro cara a consolidación da recuperación ecónómica, cara a creación de emprego, e cara ao crecemento”, subliñando que, nese sentido, a industria da transformación dos produtos do mar “é unha referencia” e que desde o Goberno galego se seguirá a traballar xunto coas empresas.











