Conde destaca ante responsables de BMW e Siemens o aliñamento de Goberno, centros tecnolóxicos e clústers galegos cara a Industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Francisco Conde en Munich

Francisco Conde en Munich

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe ante os responsables de fabricación intelixente das multinacionais BMW e Siemens o aliñamento do Goberno galego, centros tecnolóxicos e clústers galegos cara a Industria 4.0. “A presenza aquí en Alemaña dos clústers, dos centros tecnolóxicos e do Goberno significa que efectivamente Galicia, no seu obxectivo de fixar tecido industrial, quere colaborar cos mellores”, dixo Conde, que resaltou a importancia deste “achegamento que estamos a facer ás principais industrias alemás” para analizar conxuntamente os avances que estas empresas están desenvolvendo cara a Industria 4.0.

No marco da súa viaxe a Alemaña para entrevistarse con empresas líderes da industria xermana, Conde e representantes de Atiga, Gradiant, CTAG, Anfaco, Aimen, ITG, EnergyLab, Ceaga e o Clúster TIC comprobaron o rendemento das últimas tecnoloxías industriais nas sedes de BMW e Siemens.

Conde afirmou que a Industria 4.0 é “un camiño sen retorno” para o tecido económico galego, e destacou que a Xunta está a potenciar a incorporación desas tecnoloxías a través de iniciativas como o concurso de ideas da fábrica intelixente, unha iniciativa que sumará 4 millóns de euros para financiar proxectos piloto deste eido que leven a cabo consorcios de pemes, centros tecnolóxicos e clústers. Ademais destes apoios, o conselleiro destacou que a Xunta achegará respaldo financeiro para impulsar a implantación de tecnoloxías da Industria 4.0 en empresas “que queiran camiñar cara á fábrica avanzada”.

Industria auxiliar

Ademais do análise das tecnoloxías de Industria 4.0 da multinacional automobilística, e dada a importancia da industria galega de compoñentes, a delegación galega mantivo un encontro cun dos responsables do departamento de estratexia de compras e redes de provedores, Philipp Baechle. Varias compañías galegas, como Aludec, Unimate Robótica, Megatech Industries, CIE Galfor e Faurecia, son de feito provedores de BMW.

“O sector da automoción ten un protagonismo moi especial”, dixo Conde, que destacou que todo o sector está avanzando en Galicia cara á Industria 4.0, e subliñou como “moi importante” o achegamento ás industrias alemás para avanzar cara ese obxectivo, para o que “necesitamos a implicación de todo o tecido produtivo”. Pola súa parte, o xerente de Ceaga, Alberto de Comínges, destacou a importancia “desta misión de estudo sobre a industria da automoción alemá”, e subliñou a importancia da unidade entre os clústers, os centros tecnolóxicos e o Goberno galego”, clave para “buscar pancas e melloras para optimizar aínda máis os nosos procesos nunha industria que emprega a 40.000 persoas”.

Mentres, o xerente do CTAG, Luis Moreno, destacou a viaxe como unha oportunidade para que o sector da automoción traballe de cara á mellora dos seus procesos cara a “Industria 4.0, nunha lóxica de industria dixital”, e subliñou ademais que a a incorporación destas tecnoloxías na industria da automoción pode servir de panca para aplicar esas melloras noutros sectores da economía galega.

A viaxe contou co respaldo da Cámara de Comercio Alemá para España, e o seu xerente, Walther von Plettenberg, resaltou que “temos presentado o mellor do que Alemaña, neste momento, presenta en temas de Industria 4.0”. Conde, que agradeceu á Cámara o seu papel e apostou por seguir colaborando no futuro, resaltou a necesidade de que Galicia lle saque o máximo rendemento a esas tecnoloxías da Industria 4.0, co obxectivo final de “fixar tecido industrial” na comunidade galega.

En concreto, a delegación galega comprobou de primeira man cómo BMW xa ten adoptado varias destas tecnoloxías clave, incorporando nas súas factorías robots lixeiros que comparten espazos cóbado con cóbado con persoas; apostando pola impresión en 3D, ou fabricación aditiva, desde os primeiros prototipos ata a fabricación de pequenas series de compoñentes; facendo uso da virtualización e o Big Data; e facendo un seguimento de cada peza do coche ao longo de toda a cadea de valor, mediante códigos QR.

Siemens

Tras a visita a BMW, a comitiva galega dirixiuse á sede global de Siemens, onde os responsables da multinacional xermana compartiron con Conde e os responsables dos clústers e centros tecnolóxicos os avances da compañía no eido da Industria 4.0, da que Siemens é un dos pioneiros mundiais, comezando a traballar nestes cambios fai preto dunha década. De feito, a compañía conta con varias das plantas clave da iniciativa do Goberno alemán de apoio a esta revolución tecnolóxica, como a factoría de Amberg. Durante o encontro, Siemens detallou o seu papel como subministrador de tecnoloxías da fábrica intelixente, que xa lle teñen permitido nas súas factorías o aproveitamento masivo de datos, unha flexibilidade e eficiencia moi superiores ás do modelo tradicional fabril, e unha drástica redución dos erros na cadea de montaxe.

Estes avances forman parte dos obxectivos da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, na que se enmarca a viaxe da delegación galega, e que busca a adopción na comunidade da fábrica intelixente, a loxística intelixente, as redes intelixentes de enerxía e os produtos intelixentes, que son capaces de comunicarse e interactuar co exterior. A Axenda promove ademais a xeración de redes globais de creación de valor, e a reenxeñería de todo o ciclo de vida dos produtos das factorías galegas, a partir dos avances en tecnoloxías como a intelixencia artificial o internet das cousas; a robótica avanzada; os novos sensores; os avances en virtualización; a impresión en 3D; e os sistemas de produción e análise do chamado Big Data.

28 de outubro de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.