Concello de Lalín e hostaleiros analizan e achegan posturas de cara á elaboración da nova normativa de terrazas

Reunión cos hostaleiros
Uns 50 hostaleiros e hostaleiras lalinenses déronse cita esta tarde no concello convocados polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares. A reunión tivo como obxectivo recoller as achegas e suxestións do sector, así como dar conta das principais novidades que se pretenden introducir de cara á posta en marcha da nova normativa de terrazas na que se está a traballar. O fin último que se persegue co novo regulamento é o de responder ás necesidades dos hostaleiros, ao tempo que se dinamiza a actividade na vila, atendendo sempre á seguridade e comodidade da cidadanía.
A nova ordenanza, que deberá estar rematada a finais destes mes, para entrar en vigor o 1 de xaneiro, contempla diversos puntos principais. En primeiro lugar, a norma regulará a disposición de terrazas pechadas. “Queremos dar a posibilidade de que se poidan colocar terrazas todo o ano, porque cremos que isto vai ser moi positivo para o sector”, indicou González Casares, explicando, ao mesmo tempo, que “a medida non ten ningún afán recaudatorio, senón que pretende incrementar as oportunidades dos hostaleiros”.
Neste sentido, tal e como manifestou o concelleiro, “vaise permitir innovar colocando asentamentos pechados para o inverno, o que fai necesario establecer un novo marco legal que normativice este cambio”.
Os establecementos que se acollan a esta nova modalidade como oportunidade de negocio, terán que ter en conta probables casos de invasión de vía pública, polo que tamén deberán valorar un posible incremento das taxas a pagar. Non obstante, aqueles negocios que se manteñan na mesma modalidade que ata o de agora, en ningún caso verán incrementadas as súas tarifas. A disposición de terrazas de tipo velado tamén se terá que adaptar a pautas estéticas, buscando sempre causar o menor impacto visual.
O novo modelo urbano cara o que se encamiña Lalín tamén afectará ao regulamento. Deste modo, a ordenanza regulará a colocación de terrazas en calzadas que se poidan ver peonalizadas eventualmente, como no caso da rúa Rosalía de Castro, e naqueloutras que serán de carácter peonil ao longo de todo o ano. A ordenanza tamén lexislará sobre disposición de terrazas en prazas e en rúas con inclinacións, atendendo sempre a criterios de seguridade.
Por outro lado e, tras escoitar as suxestións e propostas dos hostaleiros, González Casares comprometeuse, entre outras cousas, a valorar a posibilidade de modificar as zonas onde as terrazas están consideradas de primeira categoría e poderían pasar a ser de segunda, así como a revisar as tarifas que se pagan polos rótulos e polos toldos. O contacto cos hostaleiros seguirase mantendo ata finalizar a elaboración da normativa e conseguir que esta se adapte totalmente ás necesidades do sector.











