publicidade hoxe

Con Suma Conciencia ofrece para esta fin de semana un obradoiro sobre setas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Con Suma Conciencia é unha das entidades máis novas de San Sadurniño e tamén unha das máis activas en canto ás propostas que formulan. Xornadas, cursos, música, produción audiovisual… tócao absolutamente todo e está aberta á participación de calquera persoa con inquedanzas pola sustentabilidade, a saúde, a creación e a busca dun mundo que funcione doutro xeito. Para esta fin de semana ten organizado un obradoiro de introdución á micoloxía con saídas ao monte e unha degustación dos cogomelos recollidos. Hai máis información no seu blog, na páxina que teñen en Facebook ou no teléfono 649 929 917.

As primeiras xornadas “Va de setas” teñen como obxectivo facer unha introdución ao mundo da micoloxía. Comezarán o venres ás 20h. na antiga escola de Silvalonga cunha sesión teórica que abordará a identificación -comestibles, tóxicas e velenosas-, o material máis axeitado para a recolección e tamén como deben manipularse para que conserven todo o seu sabor e a súa textura.

Porén, todos os manuais de micoloxía habidos e por haber recomendan aprender a recoñecer as setas da man de persoas experimentadas e sempre sobre o terreo, nunca fiándose exclusivamente de guías impresas ou fotografías. Hai moitos tipos de cogomelos e algúns deles parécense moito entre si. De feito hai setas tóxicas ou mesmo mortais case idénticas a outras que son un prato exquisito. Por iso o obradoiro da asociación Con Suma Conciencia programou para o sábado ás 8.00h. da mañá unha saída ao monte na que se recolectarán exemplares de alto valor culinario e, ao tempo, veranse tamén outros que non se deben apañar por non ser demasiado aprezados na cociña ou, directamente, por ser tóxicos ou mortais.

O domingo, último día do obradoiro, desenvolverase desde as 11.00h. unha clase de cociña para sacarlles ás setas o máximo partido, ben como condimento ou ben como prato principal ou sobremesa. Na sesión aproveitarase para preparar o menú que se poderá degustar ao mediodía: callos de setas con boletus Edulis, croquetas de gamuzas e rovellóns, tortillas de boletus erythropus e, para rematar, rebozuelos caramelizados.

Para participar nesta actividade, Con Suma Conciencia estableceu unha colaboración económica de 15€ para as persoas socias da entidade e de 20€ para persoas non socias. É necesario inscribirse previamente chamando ao 649 929 917. 

Autocoñecemento o sábado 24

Para o penúltimo sábado do mes, a asociación tamén organizou o obradoiro “Amarse a uno mismo”, concibido para iniciarse en técnicas coas que despoxar o corpo das distorsións que lle impiden percibirse a si mesmo e o seu contorno, co obxectivo de “resetealo” e, a partir de aí, avanzar cara á plenitude. A actividade impartiraa Nuria Naveiras entre as 10 e as 13.00h. A inscrición pode facerse a través dos seguintes teléfonos: 650 651 436 / 619 933 819 / 649 929 917

13 de outubro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.