publicidade hoxe

Comezan as obras dunha senda peonil en Cancela Abrea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inicia hoxe as obras de execución dunha senda peonil na estrada Padrón – Ribeira (AC-305), no núcleo de Cancela Abrea, no Concello de Dodro. Estas actuacións, que foron adxudicadas á empresa Nemesio Ordóñez S.A, teñen un prazo de execución dun mes aproximadamente. Cabe citar que este proxecto, cun orzamento de 30.000 euros, será cofinanciado con Fondos Feder.

A estrada AC-305, que se desenvolve polo termo municipal de Dodro, ten unha beiravía de ancho reducido, o que dificulta o tránsito de peóns. Co fin de mellorar as condicións actuais da rede viaria preténdese realizar estas accións de mellora.

A senda executarase pola marxe dereita da citada estrada, entre os puntos quilométricos 0+550 e 0+700, dando continuidade á xa existente entre os PK 0+700 e 1+730, na travesía de Vigo.

Os traballos previstos para a execución dos 150 metros de senda consistirán na colocación de bordo prefabricado, estendido de zahorra e de mestura bituminosa en quente, solución similar á existente na travesía de Vigo. O proxecto tamén contempla a canalización de 150 metros de tubaxe e execución de 4 pozos de rexistro con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo da mesma.

O Goberno galego, a través deste tipo de proxectos, pretende resolver carencias nas infraestruturas viarias que o precisen, incrementando a calidade de vida dos cidadáns e impulsando o desenvolvemento económico e social dos concellos da comunidade.

21 de outubro de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.