Comezan as obras da autovía A-57 que será a circunvalación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Europa Press

As obras da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa, e que será a circunvalación da cidade de Pontevedra, comezaron este luns coa supervisión da ministra de Fomento, Ana Pastor, quen asegurou que se trata dunha cuestión de “xustiza social”, xa que era a “única capital de provincia de toda España que non ten unha circunvalación”.

As obras iniciadas, que afectan ao tramo A Ermida-Vilaboa, constitúen os primeiros 6,5 quilómetros da nova autovía de circunvalación, que terá un total de 21 quilómetros e o trazado da cal enlazará Curro con Vilaboa.

A inversión prevista no tramo é de 74,3 millóns de euros, dos cales 59,5 millóns de euros corresponden ás obras; 11,5 ao importe estimado das expropiacións; e 3,3 millóns de euros, ás asistencias técnicas.

O acto deste luns consistiu no descubrimento dun punto de estrada sen quilometraxe co nome da autovía e unha pequena placa na que se recorda a actuación da ministra.

No acto tamén estiveron presentes a presidenta do Parlamento de Galicia, a pontevedresa Pilar Rojo, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

“CUMPRIR A PALABRA DADA”

Pastor trasladou a súa satisfacción como política “por cumprir coa palabra dada” e sinalou que Pontevedra “necesita ter un tráfico fluído” para mellorar a “conectividade, a competitividade das súas empresas e a mobilidade das persoas”.

Na súa intervención, a ministra de Fomento abundou en que a A-57 é unha autovía “necesaria” e asegurou que xerará “retorno económico”.

Pola súa parte o alcalde pontevedrés, recordou que o trazado máis exterior que hoxe se empeza a executar “evita tocar núcleos urbanos e ten como beneficio que achega ao polígono industrial do Campiño”. Ao respecto, engadiu que non cre que haxa “outra alternativa”.

“LONGAMENTE RECLAMADAS”

A titular de Fomento tamén enmarcou a importancia desta obra xunto a outras infraestruturas “que foran longamente reclamadas, pero que non foran nin licitadas nin adxudicadas, nin construídas nin pagadas”.

Entre outras, citou explicitamente o desdobramento da Avenida de Vigo (a recén inaugurada Avenida Josefina Arruti), e o nó do Pino.

A ministra non quixo deixar escapar a ocasión para recordar que Pontevedra viu igualmente mellorada as súas infraestruturas “co tren do século XXI” do que, segundo dixo, 1,5 millóns de pasaxeiros fixeron uso dende a súa posta en marcha o pasado 18 de abril, en referencia á alta velocidade do eixe atlántico.

PROTESTAS

Durante este acto de inauguración, desenvolvido no lugar de Pintos, na parroquia pontevedresa de Marcón, un grupo de representantes da plataforma Salvemos A Fracha visibilizó a súa protesta contra esta infraestrutura e recordou á ministra que lle solicitaron unha reunión para expoñerlle a súa postura sen obter resposta ningunha.

Respecto ás súas reclamacións, Ana Pastor sinalou que a todos estes afectados “hai que escoitalos como se vén facendo ata agora”, e concluíu que “todas as melloras que pidan os veciños se van facer”.

ENLACE DA AP-9

Á marxe destas obras, o Boletín Oficial do Estado publica na súa edición deste luns a aprobación do expediente de información pública e proxecto de trazado de actuación da remodelación do enlace de Pontevedra Norte da AP-9, cun presuposto estimado da obra que ascende a 6,3 millóns de euros.

A solución prevista consiste en aproveitar a nova conexión que xerou a construción da Ponte das Correntes coa cidade de Pontevedra. Así, proxéctase un tramo de nova calzada, de 160 metros, que permite os movementos de Vigo-Pontevedra e Pontevedra-Santiago dun modo “máis directo”, e de forma que diminúe o tráfico na rotonda onde está situado o parque de bombeiros.

19 de outubro de 2015 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.