Comeza no Fórum Metropolitano a proposta escénica ‘Todo Público’
Esta fin de semana arrinca a nova tempada de ‘Todo Público’, a programación estable de artes escénicas para público familiar que acolle, un ano máis, o Fórum Metropolitano. O ciclo, que se desenvolverá até o mes de maio de 2016, estará formado por 12 espectáculos, entre os que se atopan Pinocchio ou Nómadas , premiados en FETÉN 2015. A primeira obra, que poderá verse este sábado ás 18.30 horas, será Feo , de Caramuxo Teatro. Inspirada no conto do Parrulo feo , de Hans Christian Andersen, o espectáculo é un canto á diversidade.
O Fórum Metropolitano aposta, con Todo Público, por achegar visións temáticas e postas en escea dirixidas ás primeiras idades e á adolescencia, permitindo a posibilidade de reflexionar, abrir os ollos a realidades ou ficcións con varias lecturas e que aproximen ao público asistente aos intereses reais da infancia e mocidade. Os espectáculos represéntanse para público familiar nas fins de semana os sábados ás 18.30 horas e nos días lectivos para centros educativos dentro da oferta de actividades do Concello ‘CoruñaEduca’ e, co seu inicio, complementa a oferta dirixida ás familias xunto a Bebescena, a programación para nenas e nenos menores de 3 anos que acolle o centro Ágora.
Tras a representación de Feo este sábado, 17 de outubro, a vindeira semana chegará Un juguete para Margarita , de EscénaTe, unha obra avalada polo Museo do Prado que parte do cadro das Meninas, de Velázquez, e fai un percorrido polas obras da institución. Nos meses de novembro, decembro e xaneiro chegarán as obras premiadas na última edición de FETÉN, a Feira de Teatro para Nenas e Nenos de Xixón. Nómadas , de Teatro Paraíso (mellor vestiario); Alí Babbá , de Barobil Teatroa (mellor intérprete solista); Fabbo , de Escena creativa (premio Fetén de Expresividade); Pinocchio , de La Balbufa (mellor espectáculo e mellor dirección).
Os meses de febreiro e marzo están dirixidas ao público de primeira idade. Desde os 3 anos, as nenas e nenos da Coruña e as súas familias poderán gozar con Giusepe y Peppina , da compañía arxentina El Retablo; Xoga , da coruñesa Entremáns; ou La Habichuela Mágida, da catalana Festuc Teatre. A última tríade da programación, que terá lugar en abril e maio, estará dirixida a maiores de 6 anos. As obras N ana para un soldad o, de Ghazafelhos; Sueños de Arena , de Ytuquepintas; e Aladdin, de Gorakada, pecharán a tempada de ‘Todo Público’.
As entradas teñen un custo en venda anticipada de 12 euros, e o abono familiar é de 15 euros para tres entradas ao mesmo espectáculo. Os menores de 3 anos que non ocupen asento non pagarán por asistir á función. As entradas poden adquirirse nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede de AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas) e no despacho de billetes do propio Fórum, desde unha hora antes de cada espectáculo, ademais de no servizo de televenda 902502500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas) e na web www.ataquilla.com .











