Clases de cociña de neveira baleira no Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá os próximos martes 3 e 17 de novembro, de 19:00 h. a 21:00 h., Cociña de neveira baleira, un novo taller culinario no que os asistentes aprenderán a elaborar saborosas receitas cos ingredientes dispoñibles nas súas despensas.

O curso, de carácter gratuíto, dividirase en dúas sesións teórico-prácticas e estará impartido por Richar Santamaría, propietario e cociñeiro do restaurante vilagarcián A Malquerida.

A primeira xornada desenvolverase o vindeiro martes 3 e nela os asistentes descubrirán diferentes trucos e técnicas que lles permitirán sacar adiante unha receita sen contar cos ingredientes exactos para o seu desenvolvemento. Para iso, introduciranse no mundo do sabor aprendendo a recoñecer os diversos tipos de alimentos, o seu gusto e posibles combinacións. Tamén coñecerán os diferentes métodos de cociñado, penetrándose nas posibilidades da chamada cociña con lume e sen lume -marinados, curados, ceviches…-.

Como broche final, elaborarán distintas variedades de tapas nas que levarán á práctica os coñecementos apresos.

A segunda sesión, que terá lugar o día 17, centrarase na cociña en frío, ademais de na aplicación dos diferentes utensilios e sistemas de corte en función do tipo de alimentos e a preparación que se lles vaia a dar. Tamén se impartirán nocións para cociñar substanciosos pratos co microondas ou realizar nunha sinxela vaporeta artesanal.

30 de outubro de 2015 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.