Chega ao Meixoeiro de Vigo o paciente trasladado dende A Coruña con sospeita de ébola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O paciente, un home natural de Guinea, que obrigou a activar o protocolo de ébola tras o seu ingreso no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) o martes chegou na mañá deste mércores ao Hospital Meixoeiro de Vigo.

Sobre as 9,30 horas chegaron ao Hospital Meixoeiro dúas ambulancias do 061 rodeadas por vehículos da Guardia Civil. Foron recibidos por persoal sanitario equipado con traxes de protección.

O paciente trasladado, que presentaba febre dende hai varios días, foi levado dende A Coruña a Vigo, onde se atopa o centro de referencia en Galicia para estes casos, nunha padiola-cápsula de illamento.

O home quedou illado e ingresado no Hospital Meixoeiro, segundo confirmaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Ante a posible sospeita de que se tratase dun caso de ébola, segundo o Sergas, solicitáronse os medios anticontaminación e tomáronse as mostras para confirmar ou descartar se se trata do virus.

MOSTRAS

Fontes do Sergas explicaron que están pendentes dos resultados das mostras tomadas enviadas para a súa análise ao Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid para ver se é necesaria unha segunda proba.

En caso de confirmarse a presenza do virus, será derivado a un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados.

28 de outubro de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.