César Mosquera expón na Coruña a estratexia ambiental da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, sinalou hoxe a aposta pola compostaxe, a accesibilidade e a mobilidade sostible, así como pola posta en valor do monte como eixos estratéxicos do goberno provincial en Pontevedra durante os vindeiros catro anos. Mosquera explicou esta estratexia ambiental do organismo provincial pontevedrés, no que é responsable de Medio Ambiente, no ‘Foro sobre a perspectiva local na xestión do medio ambiente e dos espazos naturais’ organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e a Deputación da Coruña que se celebrou no castelo de Santa Cruz, no concello de Oleiros.

En canto á compostaxe, Mosquera sinalou que é a alternativa máis ecolóxica e económica para que os concellos solucionen os problemas aos que se enfrontan na xestión dos residuos. Lembrou que cara ao ano 2020 a Unión Europea poderá sancionar a aqueles municipios que non reciclen ou reutilicen o 50% dos seus residuos, polo que é preciso buscar unha saída que dea resposta á situación. A mellor vía para acadar eses obxectivos, segundo Mosquera, chegou da man do tratamento da parte orgánica do lixo mediante a compostaxe. Este sistema, segundo o vicepresidente, fai dos residuos un recurso pechando o ciclo da materia orgánica, consigue aforrar en fertilizantes químicos e evita a incineración (coa conseguinte reducción de gases de efecto invernadoiro), ademais de permitir un aforro de cartos no tratamento dos residuos sólidos, así como na recollida e no transporte, xa que o proceso polo que os restos de comida e vexetais se transforman en compost se realiza no mesmo lugar no que se xeraron os desperdicios.
En canto á mobilidade sostible e segura, Mosquera defendeu que se trata dunha filosofía de actuación que ten como centro ás persoas e relega os tránsitos mecánicos a un segundo plano. Coa aposta polos desplazamentos non motorizados e por recuperar os espazos públicos para a cidadanía, o Concello de Pontevedra, explicou, está a vivir unha grande mellora na súa calidade de vida que se concreta en menos gases (efecto da reducción do número de coches que entra no centro urbano e da limitación da velocidade a un máximo de 30 quilómetros por hora). Ese modelo que xa ten dado os seus resultados, indicou, preténdese levar a outros puntos da xeografía da provincia, sempre respectando as características propias e personalidade de cada vila ou cidade.

En canto ao Medio Ambiente natural o vicepresidente provincial salientou a importancia de rexenerar os montes da provincia. Salientou que se poñerá en marcha una liña de axudas aos concellos coa finalidade de poñer en valor espazos naturais e montes coa creación de parques forestais en zonas senlleiras en proceso de degradación aplicando ordenacións, plantacións de árbores autóctonas e incluso a instalación de áreas de ocio para o disfrute da cidadanía. Mosquera lembrou tamén que a rexeneración dos montes require da implicación das comunidades e dos concellos e subliñou a posible interrelación coa compostaxe como tratamento do lixo nas zonas urbanas, xa que as podas e clareos poderían aportar o estruturante (parte seca) necesaria para facer o compost. Logo ese compost voltaría ao monte como fertilizante.
Mosquera asegurou que todas estas liñas de actuación da Deputación de Pontevedra están xa a ser desenvolvidas polos técnicos provinciais e terán os seus primeiros froitos a primeiros do 2016.

Ourense, Lugo, A Coruña

O foro organizado polo CEIDA serviu como espazo de punto de encontro para dar a coñecer o que se está a facer nos distintos concellos galegos, onde existen exemplos de boas prácticas na xestión ambiental desenvoltas tanto polas administracións, entidades sen ánimo de lucro ou empresas para dar visibilidade a esas iniciativas e dinamizar a creación de sinerxias de colaboración entre as diferentes entidades que traballan no territorio. Estaban convidados alcaldes e concelleiros, responsables políticos e técnicos das áreas de medio ambiente, cultura, turismo e promoción económica das administracións locais, así como persoal técnico dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), Grupos de Acción Costeira (GAC) e outras entidades que traballen no desenvolvemento local.

Ademais de César Mosquera, participaron nas ponencias o representante da Oficina Técnica de Planificación e Análise Territorial da Deputación de Barcelona, Carles Dalmases; o presidente da asociación de GDRs de Galicia, José Santiso; o presidente do GAC Golfo Ártabro, Andrés García Boutureira; o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo; o xefe de servizo de área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, Javier Bobe; e a técnica de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Andrea Macho. Realizou a inauguración o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e a clausura a vicepresidenta, Goretti Sanmartín.

22 de outubro de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.