César Mosquera anuncia que 460 aspirantes formalizan a súa participación no proceso de selección das bolsas para mestres composteiros
A Deputación de Pontevedra vén de recibir máis de 460 solicitudes para participar no proceso de selección das bolsas para mestres composteiros que puxo en marcha a institución dentro do Plan Compost. O vicepresidente provincial César Mosquera, explicou hoxe que faltan aínda por contabilizar as inscricións enviadas por correo certificado e aquelas que se presentaron noutras administracións a través do ‘portelo único’, que aínda non chegaron ao organismo provincial. Agárdase que unha vez teñan chegado todas as solicitudes a cifra alcance as 480 aproximadamente.
O departamento de Recursos Humanos da Deputación está xa revisando toda a documentación presentada polos aspirantes e, ata o de agora, a porcentaxe de excluídos é moi baixa. Prevese que a lista de admitidos estea publicada como moi tarde o mércores día 4. A partires de aí seguirase coa tramitación administrativa correspondente e, no caso de haber algún tipo de reclamación, daráselle resposta. A intención é que a proba eliminatoria, un exame tipo test de 100 preguntas, se realice a finais do mes de novembro nas instalacións de Príncipe Felipe. A data definitiva comunicarase oficialmente nos vindeiros días.
O exame respostarase de xeito anónimo (cunha identificación mediante código) e será correxido automaticamente con plantiñas electrónicas sen intermediación humana directa, polo que haberá unha obxectividade absoluta. Logo desta proba procederase á entrevista persoal, na que se poderán obter ata 20 puntos, e que se utilizará a xeito de desempate no caso de calificacións similares.
Os 20 mellores, ao curso
Os 20 mellores aspirantes pasarán a unha segunda fase: un curso de formación intensivo de oito semanas (12 horas semanais) no que expertos recoñecidos no sector (de Cataluña, Navarra, Guipuzcoa ou Italia) se encargarán das explicacións baixo a guía do novo asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, e a técnico da Deputación María Martínez Abraldes. Tamén haberá clases maxistrais de profesores universitarios convidados. Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación, que obterán tamén a titulación de mestre composteiro (pendente de homologación polo Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente).
A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian sendo creados na provincia. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis nunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitario e no asesoramento e divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.











