publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cerdido e Valdoviño compartirán arquitecto municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdidoValdoviño
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, e a alcaldesa en funcións do Concello de Valdoviño, Rosa Ana García López, veñen de subscribir un convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións para compartir os servizos do arquitecto municipal co que xa conta o concello valdoviñés. Ambos mandatarios expresaron a súa satisfacción por un acordo que consideran “un exemplo de colaboración entre administracións que será positivo para os veciños” de ambos os dous concellos.

A medida, segundo explicou o alcalde de Cerdido, supón “un paso máis cara a unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos públicos, pois permitiranos ofrecer un servizo público que un Concello pequeno como o noso non podería asumir en exclusiva debido ao seu elevado custo económico”, e agradeceu a “dispoñibilidade e a colaboración” do goberno local de Valdoviño para poder ofrecer aos veciños de Cerdido “un servizo imprescindible para poder informar os expedientes urbanísticos do Concello”.

Pola súa banda, a alcaldesa en funcións de Valdoviño, Ana Rosa García, apuntou que o acordo “é un exemplo de colaboración interadministrativa que suporá unha optimización dos recursos públicos” e considerou que os concellos deben innovar en fórmulas como esta, que sirvan para “camiñar pola senda da cooperación, ofrecendo máis e mellores servizos aos cidadáns e minimizando custos”.

O funcionario realizará os informes técnicos nos expedientes que, en materia urbanística, se tramiten nos Concello de Cerdido e Valdoviño, onde viña prestando os seus servizos ata agora. Entre outras cuestións, realizará expedientes de licenzas de obra e parcelacións, informes para acreditar o cumprimento da legalidade urbanística e de reposición de legalidade nesta materia.

O convenio, que xa está en vigor, ten unha duración de un ano e poderá ser prorrogado automaticamente por períodos anuais ata un máximo de catro anos.

Os rexedores de ambos municipios valoran positivamente un acordo que “supón un exemplo de colaboración entre administracións” para unha maior eficacia e eficiencia dos servizos públicos.

22 de outubro de 2015 | 10:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.