Celia Alonso insta á cidadanía de Lalín a participar na Marcha contra a Violencia de Xénero do 7 de novembro en Madrid
A concelleira delegada de Muller e Igualdade, Celia Alonso, instou hoxe á cidadanía de Lalín a participar na Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, que terá lugar o día 7 de novembro en Madrid. A concelleira explicou que na manifestación participarán milleiros de persoas e, “como non ía ser menos, tamén as mulleres e homes do concello formaremos parte do acto convocado polos movementos feministas”.
Deste modo, se finalmente se consegue agrupar un número suficiente de participantes, activaríase un autobús gratuíto financiado pola Deputación, que partiría dende Lalín. Todas as persoas interesadas en acudir á capital do Estado para participar na marcha deberán apuntarse na Oficina de Igualdade, no CIM do Concello de Lalín, no teléfono 986 78 70 60, ou no e-mail igualdade@lalin.org, ata o día 3 de novembro.
Dende o departamento de Igualdade recordan que “os veciños e veciñas non só están emprazadas a manifestarse, senón tamén a contribuír a esta acción cidadá, co obxectivo de mellorar a prevención e a resposta á subsistencia da violencia machista”. Unha violencia que segue evidenciada, segundo indican, “a pesar dos moitos esforzos e dez anos despois da aprobación da Lei integral contra a violencia de xénero do ano 2004, así como de numerosas leis autonómicas e outros convenios”.
Non obstante, “isto non é suficiente”, apuntan, “xa que se seguen producindo continuas situacións de violencia e asasinatos de mulleres, menores e persoas dependentes, principalmente, debido a que as leis de prevención se incumpren substancialmente, mentres segue a medrar a desigualdade, que é o caldo de cultivo da violencia, apuntan dende Igualdade”.
Deste xeito, o Concello de Lalín, como institución máis próxima, é imprescindible para pór en marcha mecanismos de prevención e atención social, xurídica e psicolóxica das persoas que poidan ser vítimas das violencias por razón de xénero, por iso, se fai fincapé en exhortar á cidadanía lalinense a que participe na marcha do 7 de novembro en Madrid.











