Catro galegos disputarán o Campionato de Europa Júnior esta fin de semana
Catro deportistas galegos (Adrián Pombo, Sara Cortegoso, Miryam García e Ainhoa Ramos) participarán no Campionato de Europa Júnior de Combate, que se está a celebrar en Daugavpils (Letonia) entre os días 20 e 26 de outubro. Os nosos taekwondistas xa se atopan en Letonia, onde competirán o venres 23 (Ainhoa) e sábado 24 (Adrián, Sara e Miryam). Estes catro deportistas acadaron a súa clasificación para o Europeo ao proclamarse campións de España júnior nos seus respectivos pesos. Ademais, Sara fixo unha preselección contra a valenciana Tamara Miquele, que era medallista mundial, pero a pontevedresa logrou a praza.
A pesar da idade, os nosos representantes xa teñen certa experiencia internacional, que pode ser fundamental. Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) acadou no ano 2014 a medalla de bronce no Europeo sub 21 con só 16 anos. Pola súa banda, Adrián Pombo (-73, Natural Sport) participou o pasado ano no Mundial cadete e logrou este ano a prata no Open de Polonia. Ademais, Miryam García (-63,Patiño) participou no Europeo cadete 2013, no que quedou a un paso das medallas e pelexando coa man rota nese último combate. E por último, sinalar que Ainhoa Ramos (-68, Luar), que debuta a nivel internacional, ademais de proclamarse campioa de España júnior, logrou o bronce en sub 21.
No campionato de Europa da categoría júnior están inscritos un total de 448 deportistas e 196 técnicos. Os deportistas galegos estiveron preparándose estas semanas para participar no Europeo nas mellores condicións posibles. Adrián Pombo é o máis novo dos catro galegos (aínda lle quedan dous anos de júnior), mentres que a Miryam un ano máis. Para Ainhoa e Sara esta será a súa última tempada nesta categoría.











