Carmela Silva visita Lalín para tratar as necesidades da vila

Carmela Silva asinando no libro de honra
A presidenta da Deputación de Pontevedra realizou unha visita institucional esta mañá ao Concello de Lalín. Carmela Silva foi recibida por representantes da Corporación municipal e asinou no Libro de Honra, antes de manter un encontro co alcalde e o tenente do alcalde para analizar polo miúdo os proxectos de futuro para o municipio. Carmela Silva, Rafael Cuíña e Nicolás González Casares compareceron posteriormente ante os medios para dar conta dos resultados deste encontro no que a Deputación amosou o seu compromiso con iniciativas como a Rolda Leste, o centro arqueolóxico de Liñares, o centro virtual de coñecemento castrexo ou o viveiro de empresas.
ROLDA LESTE: Carmela Silva desmentiu de forma tallante que houbese ningún convenio para a mellora desta infraestrutura, tal e como se asegura dende o Partido Popular. É máis, Carmela Silva asegura que o anterior goberno municipal deixou 0 euros comprometidos para o concello de Lalín dos fondos de libre disposición. Carmela Silva compromete que si se manterá o investimento previsto no POS e que se habilitarán outras partidas ata chegar aos 300 mil euros durante este ano. Tamén haberá diñeiro no 2016 do fondo local.
CENTRO ARQUEOLÓXICO DE LIÑARES: Silva laiouse de que o PP deixase pendente a conexión a Internet deste espazo, o que a deixa “absolutamente sorprendida”. Esta situación está a piques de ser solventada, o que permitirá que o centro empece a funcionar en breve.
CENTRO VIRTUAL COÑECEMENTO CASTREXO: O anterior goberno deixou pendente o plan de explotación, que está a elaborar o actual Goberno. O centro terá xestión directa e non mediante unha empresa externa, como pretendía o PP.
VIVEIRO EMPRESAS: Silva lamentou tamén o abandono a este proxecto por parte do anterior goberno, que priorizou outras infraestruturas semellantes como a de Barro (Meis). Con todo, o actual goberno destina 50 mil euros a mobiliario e 18 mil a equipamento informático.
Pola súa banda, o alcalde, Rafael Cuíña, agradeceu a vista da presidenta, coa que augura unha excelente relación durante este mandato.
Ao mesmo tempo felicitouse polo cambio de políticas na Deputación Provincial tras o nefasto paso de Rafael Louzán pola institución. O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou que se van destinar 61 mil euros para servizos e obras no rural, que haberá aínda que definir.











