Carmela Silva reclámalles ó Goberno central e á Xunta un maior investimento na investigación e prevención contra o cancro de mama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Carmela Silva nos actos do Día Internacional contra o Cancro

Carmela Silva nos actos do Día Internacional contra o Cancro

Esta mañá, con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou o seu apoio á loita contra esta enfermidade acudindo á carpa que a Asociación Española Contra o Cancro instalou na praza da Peregrina.

A presidenta da Deputación de Pontevedra reclamoulles ó Goberno de España e á Xunta de Galicia un maior investimento e financiamento para a investigación e prevención, que son, tal e como destacou Silva, “dous instrumentos fundamentais para a loita contra o cancro”. Así, a presidenta provincial asegurou que España é un dos países da Unión Europea que menos inviste na loita contra o cancro: “dos 28 países da Unión Europea ocupamos a 21 posición en canto a financiamento da investigación e prevención contra o cancro de mama, achegando un investimento de menos de 1 euro per cápita, en concreto, 0,92 euros”. Ademais, Carmela Silva manifestou que a loita contra o cancro debe ser unha prioridade para as administracións públicas xa que se trata dunha enfermidade que afecta a unha de cada dez mulleres.

Finalmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo renderlles unha homenaxe ás mulleres que activamente participan na Asociación Española Contra o Cancro, “que nos representan a todas, que son o mellor da sociedade, que loitan de forma animosa contra o cancro, que non se deteñen fronte a unha enfermidade que produce moito sufrimento e cambia a vida non só das mulleres que a padecen senón tamén do seu entorno”. Ademais, Carmela Silva manifestou que desde a Deputación de Pontevedra queremos que “saiban que estamos ó seu lado, que nos sentimos parte desta enfermidade e da necesidade de loitar”.

Pola súa parte, a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro, María Josefa Crespo, reiterou a necesidade de incrementar o investimento na investigación e prevención do cancro de mama asegurando que hai proxectos académicos aparcados e ensaios clínicos parados por falta de financiamento. Neste sentido, Crespo informou que a Asociación España Contra o Cancro achegou á investigación 14 millóns de euros e destacou traballos coma os que está a realizar a xenetista viguesa Irene Miranda no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO).

19 de outubro de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.