publicidade hoxe

Carmela Silva e a alcaldesa de Marín coinciden na aposta por un servizo da Deputación de asistencia ós concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, coincidiron hoxe en apostar pola creación dun servizo na institución provincial de asistencia técnica ós concellos da provincia.

Silva e Ramallo mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo dentro das visitas que a presidenta da Deputación está a realizar ós concellos de toda a provincia. Tanto a alcaldesa coma a presidenta da Deputación coincidiron en destacar a boa relación institucional entre ambas as mandatarias.

O principal tema que se abordou neste encontro, ademais dunha serie de obras e infraestruturas, foi a necesidade que ten o Concello de Marín, ó igual que outros da provincia, de contar con asistencia técnica en materia de urbanismo, xurídica ou técnica. Así, Carmela Silva informou a María Ramallo que este é un dos aspectos que quere abordar o novo Goberno provincial coa posta en marcha deste servizo, “e a súa posta en marcha é un compromiso que asumo”, subliñou a presidenta.

Outro dos aspectos que se tratou foi o turismo. Carmela Silva apostou por aproveitar as sinerxías “que nos permitan poñer en marcha as potencialidades turísticas de Marín e doutros concellos da comarca”.

Un dos compromisos da institución provincial é implementar un plan turístico a catro anos “para que os concellos nos plantexen as súas necesidades e demandas porque a Deputación ten que ser un instrumento de colaboración cos municipios”, concluíu Carmela Silva.

1 de outubro de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.