Carlos Tomico animará o ‘Venres do Ateneo’ practicando xogos de mentalismo e maxia con cartas
O mago pontevedrés Carlos Tomico actuará mañá no ‘Venres do Ateneo’ a partir das 21:00 horas cun espectáculo co lema “Ilusionismo con desgarbo”. Os xogos de mentalismo, as súas habilidades coas cartas e o sentido do humor serán os ingredientes desta función, na véspera do Samaín.
Carlos Tomico ten unha ampla experiencia nos escenarios, tanto de Galicia -en salas de Pontevedra, Vigo, Redondela e Ponteareas- como do resto do Estado, especialmente en Madrid. Foi galardoado co 2º Premio de Maxia de Cerca no certame SCA Close-up Competition.
Dende o pasado ano forma parte da Asociación de Magos e Ilusionistas Vigueses. Tamén estivo asociado a outros colectivos profesionais como a Scottish Conjurer’s Association, na cidade de Glasgow, onde cursou parte da súa formación académica; e do Círculo de Madrid da Sociedade Española de Ilusionismo.
As súas funcións caracterízanse por cederlle todo o protagonismo á maxia, que flúe “con voz propia e en moitas ocasións contraria ás intencións do propio mago”, explica Carlos Tomico, cuxo papel consiste en “controlar os fenómenos absurdos e surrealistas” que se producen ao seu arredor, para asombro e diversión do público.
No acceso á actuación os socios do Ateneo Santa Cecilia aboan un donativo de 3 euros; 4 euros no caso dos non socios.