Caballero recomenda a Noriega documentarse sobre as axudas aos aeroportos
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, enviou este martes unha mensaxe ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ao que recomenda “ler e documentarse” sobre as axudas públicas aos aeroportos, porque “di disparates que, ou obedecen á ignorancia ou á súa capacidade para terxiversar a realidade”.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico referiuse ás manifestacións do seu homólogo compostelán, nas que valoraba a cooperación coa Coruña e a decisión de non investir diñeiro público en “comprar destinos”.
Fronte a estas consideracións, Abel Caballero ofreceuse a enviar “a algún concelleiro de Vigo para que lle dea algunha lección gratis” ao alcalde de Santiago acerca das axudas aos voos.
“Para que o saiba o alcalde de Santiago, non me acordo do seu nome, Lavacolla tivo 22 millóns de axudas entre 2007 e 2015, e A Coruña, 32 millóns. En total, 53 millóns en axudas”, subliñou Caballero.
O rexedor olívico criticou os “disparates” de Noriega e aconselloulle “que lea e estude, que se documente, porque hai que ser rigorosos”. “Parece que non le moito”, apuntou.











