Caballero reclama que se resolvan as carencias do novo hospital

Caballero na reunión con profesionais do HAC
Nunha reunión celebrada este venres pola mañá no Concello, un grupo de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro explicáronlle a Abel Caballero que o centro presenta deficiencias estruturais, fallos de organización e que o espazo para atender as urxencias “xa está esgotado”. Por iso, o rexedor decidiu enviarlle unha carta ao presidente Feijóo demandando a resolución de todos os desperfectos que presenta.
O alcalde vigués mantivo un encontro na mañá deste venres cun grupo de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro, conformado por médicos, enfermeiras e persoal de urxencias do centro que lle trasladaron a súa preocupación polas condicións nas que se está prestando o servizo aos pacientes.
Segundo explicou Abel Caballero, despois de escoitar o seu relato, “o que está sucedendo no novo hospital é dun nivel de dramatismo tremendo: deficiencias estruturais, fallos de organización, mala atención e algo especialmente preocupante que é que o espazo de urxencias xa está esgotado, xa quedou pequeno, antes de que houbera ningún pico de emerxencias”.
Por iso, o alcalde anunciou que lle enviará unha carta ao presidente da Xunta demandándolle que acometa no hospital os cambios e reformas necesarias para solucionar unha situación que definiu de “gravidade” e engadiu que ao seu entender “o servizo de urxencias non pode seguir nun estado de emerxencia e carencia desta envergadura” e que “non imos parar” na solicitude dun hospital que funcione.
Xunta de Goberno Local
O alcalde informou amais dos acordos tomados pola Xunta de Goberno Local na reunión desta mañá na que se aprobou a convocatoria de axudas para realizar obras de reurbanización nas prazas ou espazos privados de uso público de Vigo. Están destinadas ás comunidades de propietarios ou mancomunidades e teñen unha contía total de 65.000 euros.











