Caballero insiste en pedir as mesmas regras para que haxa coordinación de aeroportos
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este venres en que está “disposta” a que haxa coordinación entre os aeroportos galegos, pero advertiu de que, para iso, teñen que haber “as mesmas regras para todos”, e reiterou a súa formulación de “axudas cero” en todas as terminais.
O rexedor vigués lamentou que a súa proposición “non tivo resposta” no comité de coordinación aeroportuaria reunido este xoves, e criticou que a ministra de Fomento, Ana Pastor, asumira a “posición de Feijóo”, de facer referencia aos voos dende Peinador que terán apoio público, e non ás axudas concedidas ás liñas de Lavacolla e Alvedro durante anos “con recursos de todos os galegos”.
Abel Caballero afirmou que a posición de Fomento, Xunta e dos alcaldes de Santiago e A Coruña é unha “tomadura de pelo”, e que se non houbese axudas en ningún aeroporto, a terminal de Peinador funcionaría sen problemas coa demanda do mercado.
“Non nos van parar”, advertiu o alcalde, quen mostrou a súa estrañeza porque o comité fose convocado “cando Vigo despega” grazas ao acordo con Ryanair. Tamén criticou que Fomento esperase un ano e medio dende a última reunión deste órgano, e o convocase xusto en período pre electoral, e co Congreso disolto.
O rexedor vigués reclamou á ministra Ana Pastor que actúe en defensa do aeroporto de Vigo, ante a competencia que supón a terminal de Oporto, e lamentou que o Goberno central “non ten interese en actuar defendendo a Vigo”. Por iso, expresou a súa esperanza de que o próximo goberno, que será de distinto signo político, o tome en serio”.











