Caballero decidirá a apertura ou suspensión de mercados de Vigo en función da seguridade e interese dos veciños
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, incidiu en que el tomará decisións sobre o mantemento do peche ou a reapertura dos mercados ambulantes da cidade olívica “en función do interese e a seguridade dos cidadáns de Vigo e doutros lugares”.
Trasladouno nunha rolda de prensa despois de que o Goberno local de Vigo acordase suspender “de forma excepcional” o mercado que se ía celebrar este mércores na Bouza no barrio de Coia, co fin de “evitar eventuais novos incidentes de orde pública”, como o acontecido a pasada semana, cando se produciu un tiroteo resultado do enfrontamento entre vendedores ambulantes de etnia xitana.
O rexedor olívico ratificou que como alcalde de Vigo e coa responsabilidade que carrexa o cargo tomará “as decisións sobre os mercados ambulantes”. Así, acerca de se abrirá ou non o mercado de Bouzas este domingo, dixo que se notificarán no seu momento as decisións que vaian tomando.
Ademais, ao ser cuestionado polas peticións de asociacións de vendedores ambulantes de que haxa unha regulación estrita nos mercados, o mandatario recalcou que están centrados no “tema da seguridade”. “É o que nos importa de verdade neste momento e a iso nos dedicamos, -para- o resto, tempo haberá”, concluíu.
O Concello decretou a suspensión do mercado deste mércores “de cara a evitar eventuais novos incidentes” como o “incidente de orde pública de extrema gravidade” acontecido o pasado 21 de outubro: un altercado no mercado que desembocou nun tiroteo na VG-20 no que un feirante (do chamado clan dos ‘zamoranos’) resultou ferido de bala.
O goberno local vigués tamén suspendeu, por cuestións de seguridade cidadá, o mercado do pasado domingo en Bouzas, ao igual que fixera o Concello de Cangas coa feira do venres. Outros municipios, como O Porriño, optaron por manter esta actividade, para non prexudicar a feirantes alleos ao conflito entre ‘zamoranos’ e ‘morones’.











