Bueu adxudica as obras de mellora do pavillón Pablo Herbello
O Concello de Bueu adxudicou as obras de reparación e melloras do pavillón municipal de Pablo Herbello á empresa pontevedresa ACEVI por un importe de 43.500 euros, IVE incluído. Esta actuación xustifícase polo intenso uso que se fai hoxe das instalacións e que vai aumento de cara ao futuro, polo que é necesario acometer obras de mantemento, tal e como considera o executivo buenense.
As obras, con cargo ao PPOS 2015 da Deputación Provincial de Pontevedra, inclúen tres actuacións: reparación dos caneiros da cuberta do pavillón para a eliminación de filtracións, modificación da saída de emerxencias da á sureste e a construción dun almacén que albergará a futura sala de caldeiras, e a substitución das canalizacións de auga quente e fría nos vestiarios.
A duración prevista de execución das obras, segundo se estipula no proxecto, é de dous meses a contar desde o día seguinte da acta de comprobación do replanteo.
O pavillón municipal de Bueu foi renomeado nun pleno extraordinario como Pablo Herbello en honra do técnico de deportes e xogador do Bueu Atlético Balonmán que faleceu de cancro no pasado 2013.











