Bo ritmo nas obras de rehabilitación da Fábrica de Tabacos para convertela en edificio xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

Alfonso Rueda na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda comprobou hoxe in situ o bo ritmo das obras de rehabilitación da Fábrica de Tabacos coma futura sede xudicial, nas que se está adaptando este histórico inmoble para convertelo nun edificio xudicial, modelo en toda Galicia e toda España.

O vicepresidente da Xunta visitou hoxe as obras de rehabilitación da Fábrica de Tabacos, acompañado do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; do Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes; e do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Rueda lembrou o importante investimento, de máis de 15 millóns de euros, que incrementa nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos, con 12.000 novos metros cadrados; dimensionado e adaptado ás necesidades da cidade. O edificio estará rematado ao longo do vindeiro verán.

O novo edificio vai albergar a Audiencia Provincial, Fiscalía, Xulgados de Menores e Vixilancia Penitenciaria. Conta cunha planta soto, dedicada a vestiarios, celas e salas de instalacións. Na planta baixa estarán situadas as cinco salas de audiencia, ás que se accede polos dous amplos patios cubertos dianteiros, un xulgado de Vixilancia Penitenciaria, un xulgado de menores co seu equipo de apoio, Colexio de Procuradores, Colexio de Avogados, despachos de psicólogos, traballadores sociais e médicos.

Na parte posterior atópanse os dous grandes patios traseiros que serven de deambulatorio, e no esquerdo deles mantéñense visitables os restos dunha rampla-estaleiro. A planta primeira estará ocupada pola Audiencia Provincial, principalmente, polos despachos do Presidente e demais maxistrados e áreas para funcionarios das cinco seccións que compoñen a Audiencia, dispoñendo o edificio de espazo para albergar una nova sección.

Na planta segunda situaranse as oficinas da Fiscalía, que comprende o despacho da Fiscal Xefe e os 39 despachos para fiscais, así e como dúas grandes áreas para o traballo dos funcionarios.

13 de outubro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.