Besteiro descarta acudir a Ourense a explicar os cambios nas listas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pronunciouse este martes sobre o conflito aberto no seu partido en Ourense pola designación de dúas persoas -unha delas, independente- como cabezas de lista ao Congreso e o Senado en detrimento de outras que recibiran máis apoio da militancia e que se viron relegadas ou, en caso dos actuais representantes do socialismo ourensán nas Cortes, Laura Seara e Miguel Fidalgo, directamente excluídas.
Respecto diso, resolveu que as listas xa “están pechadas”, pois foron aprobadas o sábado pola práctica unanimidade do Comité Federal do PSOE reunido en Madrid. En canto á polémica xerada, atribuíuna a “un mal entendemento” do proceso de votación dos candidatos, que -puntualizou- “non son primarias”, senón tan só “suxestións” dos afiliados, e que a última palabra a teñen os órganos federais do partido.
En paralelo, ante a insistencia dos xornalistas, sinalou que a directiva do PSOE en Ourense non remitiu “unha candidatura pechada”. Explicouno o pasado venres o líder provincial, Raúl Fernández, quen explicou que a lista se enviaba “aberta” para permitir a Pedro Sánchez certa “marxe de manobra” para facer o seu equipo elixindo entre “continuidade e renovación” pero sen ver afectada a vontade da militancia.
En concreto, a militancia socialista da provincia de Ourense apoiou maioritariamente a continuidade de Laura Seara -moi destacada na campaña a favor de Eduardo Madina para alzarse secretario xeral fronte a Pedro Sánchez- na Cámara baixa, seguida pola concelleira en Piñor Sandra Álvarez; mentres que para a Cámara alta a proposta máis votada foi Teresa Taboada, por diante do aínda senador Miguel Fidalgo.
No entanto, a Comisión Federal de Listas refugou estes nomes e optou polas propostas alzadas pola directiva local do PSOE en Ourense, enfrontada coa executiva provincial: Rocío de Frutos, unha inspectora de traballo que quedou cuarta na orde de preferencias dos afiliados da provincia, para o Congreso; e o ex xefe superior da Policía en Galicia Luís García Mañá, o terceiro en apoios, para o Senado.
Neste escenario, preguntado Besteiro sobre se acudirá a Ourense a explicar o ocorrido, tal e como reclamou a dirección do PSOE na provincia nunha reunión que concluíu ao fío da unha da madrugada, descartouno. “Nos próximos días non teño previsto visitar Ourense, (…) fareino de forma intensa en campaña e contestarei a calquera tipo de pregunta que calquera militante me queira facer, e que me queira escoitar”, apostilou, e negou “totalmente” que Seara sexa excluída pola súa proximidade a Pachi Vázquez ou a súa campaña en favor de Madina.
EN OURENSE CENSURAN O “CAMBIAZO”
Na reunión da executiva provincial dos socialistas ourensáns do luns pola noite, segundo fontes do partido consultadas, censurouse o “cambiazo” dos nomes, pois “por primeira vez na historia do partido descabalgáronse as dúas cabezas de lista”. De igual modo, aprobouse esixir ao secretario xeral que acudise a Ourense para dar contas da finalización do proceso.
No medio desta crise interna, a secretaria de Organización do PSOE en Ourense, María Quintas, confirmou que son “cinco ou seis” os integrantes das listas socialistas na provincia que avanzaron o seu desexo de non seguir formando parte delas. Ante iso, fíxose un chamamento á “calma” e en próximos días a directiva provincial verase con eles para tentar “reconducir” esa decisión sobre o seu futuro político.
COMENTARIO “IMPROPIO”
Sen abandonar esta polémica, Besteiro respondeu en rolda de prensa ás declaracións de María Quintas a ‘La Voz de Galicia’ nas que advirte de que non tolerará que “actitudes fascistas propias de vendettas rancias desprecen desa forma tan basta decisións democráticas tomadas pola militancia”.
“É un comentario impropio”, lamentou o lucense, para quen a súa práctica política non encaixa neses “cualificativos”. Entre apelacións ao “respecto”, descartou tomar medidas, tal e como ocorreu cando o xa exlíder provincial na Coruña Francisco Caamaño tachou de “golpista” á dirección galega liderada por el.
En setembro do pasado ano, apenas dous meses despois de que proferise esa acusación tras un congreso provincial no que non logrou sacar adiante a súa lista de delegados, Besteiro decidiu remitir a Ferraz toda a información sobre o ocorrido co tamén exministro de Xustiza ante a negativa deste a deixar o cargo.
Así mesmo, acordou coa súa executiva solicitar á cúpula federal do partido que avaliase a posibilidade de constituír unha xestora na provincia coruñesa. Con todo, finalmente non foi necesario tomar esa decisión, pois aos poucos días Caamaño anunciou primarias para renovar o seu cargo e que el non se presentaría.
En cambio, agora o xefe de filas do PSdeG resolveu a cuestión afirmando que “cada un saberá o que di, o que fai e como actúa” e preferiu pór o foco no traballo que queda por diante para “o cambio”, para que Pedro Sánchez sexa “o próximo presidente do Goberno”.











