Belén do Campo analiza con representantes veciñais de Ordes as medidas para revitalizar o mercado agrario comarcal do Mesón do Vento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Belén do Campo na reunión con representantes da asociación

Belén do Campo na reunión con representantes da asociación

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños Campo da Feira de Ardemil, Fernando Noya, e co representante dos empresarios do Concello de Ordes José Manuel Candal, que lle expuxeron a necesidade de levar a cabo medidas de impulso ao mercado agrario comarcal do Mesón do Vento, que se celebra nesta localidade os sábados vésperas do primeiro e terceiro domingo de cada mes.

No encontro, no que tamén estivo o deputado autonómico Miguel Prado, Do Campo trasladoulles o compromiso do Goberno galego para reactivar esta feira a través das medidas impulsadas pola Consellería de Economía e Industria para seguir potenciando este espazo como dinamizador do comercio de proximidade local.

A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que o departamento autonómico mantén unha estratexia de impulso ao sector a través de distintas achegas económicas dirixidas aos concellos nos que se asenta o tecido comercial, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. A finalidade destas actuacións é a de incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.

En total, Economía e Industria vén de conceder este ano apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

6 de outubro de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.