Avanzan a bo ritmo as obras de construción da pista multideportiva e área verde na urbanización Monte Claro

Traballos na pista multideportiva
As obras de construción dunha pista multideportiva e unha área verde con parque biosaudable públicos na urbanización Monte Claro (parroquia de Cabovilaño) estanse a executar a un bo ritmo de actuación.
O alcalde, José Manuel López Varela, o edil de obras, Jesús Souto, e a concelleira de deportes, Patricia Bello, reuníronse no lugar das actuacións co responsable da empresa construtora e cos operarios para interesarse polo desenvolvemento dos traballos. Puideron comprobar persoalmente como xa está moi avanzada a fase de pavimentación, o que permite agora desenvolver paralelamente as labores de construción da estrutura da pista multideportiva, que terá un peche de malla duns catro metros de altura e contará co material preciso e as liñas de xogo marcadas para a práctica de diferentes disciplinas (fútbol, baloncesto, tenis, etc.).
Pola súa parte, a zona verde contará con itinerarios peonís para un cómodo tránsito a pé, mobiliario urbano para ser empregada como área de descanso e esparexemento, e tamén cun parque biosaudable co obxectivo de facilitar o exercicio físico ás persoas maiores e ao colectivo da terceira idade.
O Concello da Laracha inviste nesta actuación 70.000 euros procedentes na súa totalidade de fondos propios municipais. O obxectivo é fomentar os estilos de vida saudables reforzando a cobertura en instalacións públicas de uso libre para facilitar a práctica deportiva á poboación municipal en xeral.
Tanto a pista multideportiva como a área verde con parque biosaudable serán públicas, para uso xeral da veciñanza larachesa e crearanse nunha parcela de titularidade municipal que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para albergar equipamentos. O seu emprazamento é excelente ao ubicarse nunha zona residencial que conta con excelentes comunicacións por situarse a carón da estrada C-552.











