publicidade hoxe

As Pontes e Ortigueira acollerán charlas informativas do programa de Garantía Xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesOrtigueira
A-
A+

O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Xunta de Galicia, continúa este venres nas Pontes e Ortigueira a campaña de charlas que percorrerán máis de medio cento de concellos galegos co obxectivo de informar a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación sobre as posibilidades que lle achega este programa.

Ás 10 da mañá comezará a sesión na aula CeMIT das Pontes (Rúa Rosalía de Castro, 28), e ás 12 do mediodía, a charla será en Ortigueira (Antigo Centro de Saúde, Rúa Márquez Cortiñas, s/n,). As sesións continuarán a vindeira semana en San Sadurniño, Pontedeume, A Estrada e Lalín, entre outros concellos.

O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

21 de outubro de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.