As familias numerosas galegas piden recoñecemento por ser a garantía de futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Como vén sendo habitual cada dous anos, a Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) organiza o seu Congreso, que este ano chega xa á súa VIII edición. Enmarcado baixo o título Familias Numerosas: Garantía de Futuro, o Congreso pretende servir para facer unha chamada de atención sobre o grave problema demográfico que se vive na actualidade en España e en especial en Galicia, e destacar, nese contexto, o papel que desempeñan as familias numerosas, xa que son as que garanten a substitución de poboación necesario para soster o estado do benestar. O Congreso conta co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, e desenvolverase durante o sábado 17 de outubro, no Hotel Bahía de Vigo (Vigo).

Será un encontro de familias numerosas de toda Galicia, e contará coa participación de representantes da Administración e expertos en temas de interese familiar, que tratarán temas de interese para as familias e política familiar, a educación dos fillos, experiencias en conciliación de vida laboral e familiar, etc. Participarán no mesmo, Dna. Noelia López Cheda, coach profesional sobre educación, e D. Manuel Branco Desar, experto en demografía. Está pensado para que poida asistir toda a familia, para o que se contará cunha área dedicada aos nenos con actividades de ludoteca, xogos, talleres, etc.

Premios a entidades “familiares”

Durante o acto de inauguración, fanse entrega dos Premios Agafan, entregados pola Asociación ás tres entidades que consideran, previa votación dos socios, que máis apoio brindaron ás familias numerosas nestes dous últimos anos. Este ano na categoría de Entidade privada, nomeouse á empresa Carrefour como merecedora deste galardón, grazas aos beneficios que outorga o seu Cartón SUPERFAMILIA. Na categoría de entidade pública, o Concello de Oleiros (A Coruña) foi o merecedor deste premio polo seu apoio constante ás familias en xeral e en especial ás numerosas, e por último na categoría de medios de comunicación, os Servizos de Informativos da TVG , por apostar pola difusión e o apoio incondicional en temas relacionados coa familia. 

Grazas ao apoio de Turismo de Vigo, o domingo día 18 as familias poderán gozar de actividades lúdicas, como “Viaxe ás Cíes” ou “Coñecendo Vigo-Bus Turístico”. A Asociación Galega de Fam. Numerosas (AGAFAN) é unha entidade sen ánimo de lucro, independente, dedicada á defensa e promoción das familias con fillos, en especial as numerosas. Membro da Federación Española de Familias Numerosas.

8 de outubro de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.