As Escolas Retrouso arrincan este sábado co reto de superar os 100 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Co mes de outubro ponse en marcha o curso 2015/2016 das EscolasTradicionais Retrouso de Cela (Bueu). Este sábado arrincan coas primeiras aulas da principal novidade deste curso: a aposta por una clase de gaita específica para nenos, a partir dos 7 anos, que liderará a premiada gaiteira de Bueu Patricia Comedeiro.

Xunto a esta novidade, tamén se traballa na creación dunha aula de iniciación de baile para adultos e, segundo a demanda de alumnado, é posible que se cree un terceiro grupo de iniciación ao canto e pandeireta, con outra profesora nova: María Menduíña.

Todo isto, xunto á sólida estrutura actual das Escolas Retrouso, con cinco áreas: Baile, cosmestres Débora Pena (iniciación) e Miguel Sotelo (perfeccionamento); canto e pandeireta, con Tania G. Ruibal en iniciación e Guillerme Ignacio en perfeccionamento; gaita, co gaiteiro do Hío Cristóbal Prieto; a viguesa Julia Feijóo como mestra de Percusión; e Andrea G. Navarrete comandando as aulas de Acordeón.

“En cada área hai grupos separados de iniciación e perfeccionamento, e grupos infantís e de adultos, en algunhas ata máis de un, pois buscamos traballar en grupos pequenos (non máis 3-4 alumnos en acordeón ou percusión, non máis de 10 en baile ou pandeireta) para lograr una formación de calidade”, apunta a coordinadora das Escolas, Débora Pena. “A nosa principal aposta foi sempre polos profesores de alto nivel” conclúe Pena.

Durante o mes de setembro fixeron a tradicional pegada de carteis, realizados este ano pola deseñadora canguesa Mari Martínez, e a través das redes sociais, onde Retrouso rolda o milleiro de seguidores, entre Facebook, Twitter e Instagram. “A finais do curso pasado contabamos con 95 alumnos e houbo xa máis de vinte novas persoas interesadas, polo que esperamos superar o límite dos 100 neste inicio de curso” sinala Débora Pena.

O xovesvindeiro, celebrarán o seu primeiro concerto didáctico do curso, na escola de Cela, para seguir promocionando entre os máis novos a afección polo baile e a música tradicional. “Esperamos que actuacións como as que tivemos este ano en Mallorca ou en lugares con encanto como Cambados ou Baiona sumen outro graniño máis para animar a xente a apuntarse”, comenta Débora Pena.

Os interesados e as interesadas en apuntarse poden chamar ao 647 607 467, escribir ao correo info@retrouso.comou consultar a información sobre as clases en retrouso.com e en facebook.com/retrouso.

Sobre Retrouso de Cela

A Asociación Cultural Retrouso de Cela leva máis de 15 anos traballando pola recuperación e impulso da cultura tradicional galega e nomeadamente a música e o baile tradicionais. Ten unha forte estrutura de escolas de baile, gaita, percusión, canto e pandeireta e acordeón, ademais de organizar recollidas de campo, foliadas e festivais musicais.

2 de outubro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.