As casas museo da Coruña acollerán catro exposicións do Festival Outono Fotográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Presentación do Outono Fotográfico

Presentación do Outono Fotográfico

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá as exposicións do XXXIII Festival Outono Fotográfico que terán lugar na cidade nos vindeiros meses. As casas museo municipais Casares Quiroga e María Pita acollerán, desde o 3 de novembro até o 31 de decembro, catro exposicións individuais e colectivas do festival de fotografía de maior tradición no Estado e segundo do mundo. Sande destacou o apoio do Concello a unha “actividade tradicional e arraigada” que se celebra en 20 concellos de Galicia e dous de Portugal, “nunha clara aposta pola expansión da cultura” na súa difusión que se asemella á idea da “descentralización e presenza nos barrios” do Goberno local. O responsable de Culturas salientou “a necesidade que as artes visuais teñan tamén os seus puntos e lugares de encontro” na cidade e lembrou que as casas museo “levan anos desenvolvendo esta actividade”, acollendo “fundamentalmente traballos da mocidade” e artistas emerxentes.

Durante a presentación o director do Festival, Xosé Lois Vázquez, definiu o Outono Fotográfico como “un artefacto cultural interxeracional” con “características transversais” no que “conviven artistas amadores a profesionais” a través dos seminarios e inauguracións que teñen lugar no outono ao longo do territorio galego. O evento, que este ano recibe o nome Periferias , funciona segundo o director “como unha sala de exposicións expandida en Galicia”, considerando “todo o país como área expositiva”. Nesta XXXIII edición forman parte do festival 90 exhibicións “que amosan o estado da cuestión fotográfica”, afirmou Vázquez.

O primeiro dos proxectos que acollerá a Casa Museo Casares Quiroga, do 3 ao 29 de novembro, será a mostra colectiva Betanzos histórico. Unha mirada xove sobre a cidade vella realizada polo alumnado de 4º da ESO do IES Francisco Aguiar, na que destaca o intento de amosar, desde o punto da mocidade, como a cidadanía percibe as súas cidades desde a ollada de turistas e non de habitantes dos espazos. A continuación, do 2 ao 31 de decembro, a sala expositiva da rúa Panaderas acollerá o traballo de Javier López Prol Sen título. Grecia: berce e cadaleito , realizada polo autor tras visitar o país mediterráneo.

A Casa Museo María Pita tamén acollerá unha exhibición colectiva desde o día 10 até o 29 de novembro. Será Fotografando os instantes , o resultado do traballo que o alumnado do centro IES Chamoso Lamas de Carballiño realizou coa fotógrafa Marta Moreiras. A mostra está composta por 76 imaxes realizadas na comarca ourensá que hoxe en día están medio abandonados ou en desuso. O paso do Outono Fotográfico pola cidade rematará coas Lindes abióticas, de Ana Gil, “unha contemplación de realidades externas á esfera territorial propia”. Será na casa dedicada á heroína coruñesa do 1 ao 31 de decembro.

27 de outubro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.