publicidade hoxe

As alumnas das Escravas da Virxe Dolorosa descobren o labor municipal dende dentro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Visita das alumnas

Visita das alumnas

Esta mañá un grupo de alumnas do Centro das Escravas da Virxe Dolorosa visitaron parte das instalacións municipais guiadas por unha funcionaria como actividade incluída no proxecto ‘Coñece a Administración Local’.

Na Casa Consistorial mosense estiveron acompañadas pola concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e recibidas polo alcalde en funcións do Concello de Mos, Alberto Méndez.

Fai días que as alumnas das Escravas visitaban xa as oficinas de Correos en Puxeiros para coñecer de primeira man o labor que alí se desenvolve diariamente. Hoxe fixeron un percorrido polas dependencias do Concello pasando polos departamentos de Rexistro, Persoal, Recadación, Intervención, Secretaría, Alcaldía, Urbanismo, Servizos Sociais e Cultura; e nunha vindeira xornada visitarán as instalacións da Policía Local, do Servizo Municipal de Emerxencias, e a Axencia de Colocación.

Para facer estas visitas as rapazas divídense en dous grupos. O primeiro grupo foi o que hoxe se achegou ata o Concello e o segundo farao o vindeiro día 2 de decembro. 

O obxectivo desta iniciativa é que as participantes na mesma poidan coñecer en detalle o funcionamento da administración, que saiban a que servizos poden acceder e de que xeito, ademais dos lugares nos que se atopan ubicados físicamente cada un deles. As alumnas da Escravas da Virxe Dolorosa puideron preguntar tódalas dúbidas e curiosidades sobre o Concello que lles surxiron e interactuar cos traballadores e traballadoras municipais. 

Sobre esta actividade os representantes municipais destacaron “a importancia de que o Concello sexa a casa de tódolos mosenses e que estea aberto para ser coñecido e visitado por todos os colectivos sociais”, dixeron; e concluíron que “o labor de difusión das funcións públicas da administración local é interesante a tódolos niveis, para que calquera cidadán poida sacar o máximo partido dos servizos ós que ten dereito”.

23 de outubro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.