publicidade hoxe

Arte e teatro únense nunha “Versión orixinal” do FIOT cunha exposición que poderá visitarse até o 1 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Carballo muda en teatro no mes de outubro e a súa vez o teatro muda en arte a través da exposición “Versión orixinal”. Así, no marco do Festival Internacional Outono de Teatro tres artistas carballeses, Eva Facal, Mon Lendoiro e Laura Tova interpretan a través das suas obras o fío condutor desta 24 edición do FIOT. Para iso fixeron súa a sala de exposicións do Auditorio do Pazo da Cultura, transformando por completo este espazo, que mudou de tamaño e ata de cor despois dun traballo intenso de dúas semanas e coa axuda de LEDs, lámpadas e teas negras. Cada un dos artistas reflectiu a través da súa obra o que para eles significa a “versión orixinal” – a liña argumental sobre a que o FIOT xira nesta edición-, é dicir, tres versións diferentes sobre un mesmo concepto e idea. As obras reclaman o protagonismo da súa propia voz, onde converten ao espectador en cómplice da súa verxión orixinal. Mon Lendoiro optou por unha pintura misturada con collage, Laura Tova expuxo unha obra pictórica fusionada con outros elementos e Eva Facal montou unha instalación. O resultado: tres obras fusionadas nunha soa, pero cada unha con entidade propia. No acto de inauguración, ademais dos artistas e da veciñanza, estiveron presentes o Presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Abriu o acto un recital poético a conta de Paco Souto. A mostra permanecerá aberta no andar -1 do Pazo da Cultura até o domingo 1 de novembro en horario de 18.00 a 21.00 horas.

9 de outubro de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.