Arranca ‘Sábados de cine’ en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Mañá sábado 3 de outubro arranca a programación de “Sábados de cine”, un ciclo de películas co que o Cineclub Bueu quere achegar mensualmente a Bueu os filmes mías premiados e aclamados dos últimos anos.

A inauguración da programación correra a cargo da película“Nader e Simin (Unha separación)”, de Asghar Farhadi, que se proxectará no Centro Social do Mar en sesión dobre, una en versión dobrada en castelán ás 19:30 horas e outra en versión orixinal subtitulada ás 22:00 horas.

“Nader e Simin (Unha separación)” conta a historia de Nader e Simin, un matrimonio iraniano en proceso de separación. Simin quere abandonar Irán en busca dunha vida mellor, pero Nader desexa quedar para coidar o seu pai, que ten Alzheimer. Ela pídelle o divorcio e múdase a vivir cos seus pais. Nader non ten máis remedio que contratar a unha muller que coide o seu pai. Unha neglixencia da asistenta provoca un conflito de grandes dimensións.

O Cineclub Bueu arranca con este filme xa que é unha das cintas máis premiadas das últimas tempadas (Oso de oro no Festival de Berlín, Oscar a mellor película de fala non inglesa, Globo de Oro a mellor película de fala non inglesa, Mellor película estranxeira nos Premios Cesar, BAFTA, David di Donatello,…) e máis aclamadas pola crítica (Unha obra mestra de clase mundial. Wall Street Journal // Os imprevisibles xiros argumentais, a atmosfera de ameaza e o tenro humanismo de Farhadi converten esta película nunha obra absorbente, pero a súa forma de formular as preguntas fundamentais a confirma como unha obra mestra. El Periódico. // Un triunfo da cinematografía. Boston Globe. // Encadres de cámara sempre perfectos, diálogos esplendidamente dosificados e a credibilidade achegada polos actores converten a película nun envolvente, maxistral mosaico de emocións. La Vanguardia.)

Co fin de que esta oferta sexa sostible no tempo, o Cineclub Bueu abre as súas portas tanto a aquelas persoas que queiran participar na organización como ás que desexen facerse socias e obter así un desconto nas proxeccións. O custo de cada pase será de 2 euros para os espectadores socios e de 3,50 euros para os non socios. A cota anual sitúase en 15 euros, aínda que se hai varios membros da mesma familia só un a paga de xeito íntegro e polos demais súmanse 5 euros. 

2 de outubro de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.