Argimiro Serén reúnese co xefe de Educación en busca de solucións para o ximnasio do CEIP de Rubiáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O concelleiro de Educación, Argimiro Serén, desprazarase mañá a Pontevedra para abordar co xefe provincial da Consellería a situación que está a sufrir o alumnado do colexio de Rubiáns pola precaria situación do ximnasio escolar e co obxectivo de buscar solucións a unha problemática que non é nova.

O edil foi citado por César Pérez Ares para tratar o asunto e a intención de Serén é trasladarlle ao responsable autonómico a preocupación existente no seo do goberno local, e tamén na comunidade escolar de Rubiáns, tras coñecerse que pese ao anuncio realizado polo anterior presidente provincial antes das eleccións municipais, o certo é que non se reservou ningunha partida para financiar a construción dun pavillón novo como anunciara o popular Rafael Louzán. O concelleiro preguntará si a Consellería si ten reservados fondos para dotar ao colexio de Rubiáns dun ximnasio en condicións no que os alumnos poidan realizar as clases de educación física, ou os prazos que manexa. Tamén proporá a vía de colaboración interinstitucional para levar a cabo esta demandada e necesaria actuación coa maior brevidade, para o que o Concello xa conta co compromiso da nova presidenta provincial, Carmela Silva, para deixar previstos fondos para esta actuación nos orzamentos de 2016.

O goberno local comparte coa comunidade escolar que o actual pavillón non reúen as condicións axeitadas para que os alumnos poidan realizar as clases de ximnasia, especialmente polos problemas de humidade e filtracións cando chove e a acumulación de auga que se produce non chan e o fai impracticable, ademais de xerar riscos de caídas e lesións por esvaramentos.

6 de outubro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.