Aranguren espera que Rosario Porto estea preparada, aínda que prevé preguntas duras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Entrada ao xuízo do avogado de Rosario Porto

Entrada ao xuízo do avogado de Rosario Porto

O avogado de Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, espera que a súa clienta aguante a declaración no xuízo no que está acusada de asasinar a súa filla xunto ao seu exmarido, aínda que prevé que as preguntas -que responderá- sexan “duras”. O furgón da Garda Civil no que foron transportados tanto Porto como Alfonso Basterra dende o cárcere de Teixeiro, en Curtis (A Coruña), chegou ás 9,10 horas aos xulgados de Santiago, un pouco antes que este mércores, e entre máis expectación dos medios de comunicación.

O calendario do proceso fixa para este xoves e venres as declaracións dos únicos dous acusados, pero aínda se descoñece a orde, que establecerá o presidente do tribunal, logo de consulta a fiscal. “Teño a sensación de que -vai ser- Rosario Porto, respondeu o seu letrado, preguntado por quen será o primeiro.

Ao termo da sesión deste mércores, de alegacións e que durou unhas seis horas, Aranguren baixou aos calabozos e estivo con Porto -está en “contacto permanente” con ela-, despois dunha xornada que, recoñeceu, “causa efecto”.

“CAUSA EFECTO”

“Estase a falar da vida e da súa morte -de Asunta Basterra-. Estase a dicir que foi ela… Iso causa efecto”, destacou o letrado, en declaracións aos xornalistas antes de acceder á sede xudicial.

Ao seu xuízo, o deste xoves é “un día clave”. Cuestionado sobre cál será a súa estratexia se a defensa de Basterra mantén, como se prevé, que o medicamento -‘orfidal’- que se atopou no cadáver da menor o compraba el, pero o administraba ela, Aranguren dixo que “sempre” os episodios de sedación coincidiron “con pasas a noite na súa casa” (en referencia á do pai) e que iso “o corroboran os profesores”.

1 de outubro de 2015 | 10:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.