Apoio á candidatura da Metasecuoia do Pazo de Lourizán no certame Árbore Europea do Ano

Metasecuoia do Pazo de Lourizán
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, apoia a candidatura da Metasecuoia do Pazo de Lourizán no certame Árbore Europea do ano, organizado por Bosques sin Fronteras.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán propuxo como árbore para participar neste concurso a senlleira Metasequoia glyptostroboides H.H.Hu & Cheng, coñecida como Metasecuoia do Pazo de Lourizán e localizada no Arboreto do propio Centro. A Metasecuoia quedou finalista xunto con outras seis candidaturas españolas e agora forma parte da votación para escoller á candidata española para participar no certame Árbore Europea do ano. Aqueles cidadáns que desexen participar na votación poden facelo a través desta ligazón, espazo no que se poderá votar ata o 30 de outubro.
A Metasecuoia do Pazo de Lourizán foi plantada en 1951 e é única en España, xunto coa que se atopa en Puente de San Miguel Torrelavega (Cantabria), de 1956 e que é propiedade da familia Botín. A de Lourizán simboliza o esforzo dun grupo de investigadores botánicos que durante a Segunda Guerra Mundial identificaron unha especie, garantiron a súa conservación e foron capaces de distribuír as súas sementes, malia as adversidades do momento. Mide 35 metros de altura e presenta a morfoloxía tipo desta especie. A súa copa é cónica e estreita e destaca o seu porte esvelto caracterizado polas variacións cromáticas propias da estación.
O concurso
O certame Árbore Europea do Ano busca a elección de exemplares cos que as persoas establecen especiais relacións afectivas. Entre as árbores propostas para participar nel realizouse unha selección, que agora está exposta no Facebook para a súa votación e nela está a Metasecuoia do Pazo de Lourizán. A árbore finalmente escollida será a candidata española ao concurso Árbore Europea do ano 2016.
Este concurso é promovido por un conxunto de asociacións ambientalistas de Europa do leste. En cada país unha entidade propón unha árbore candidata, que é elixida entre diversos exemplares que foron propostos. Para a edición de 2016 en España a entidade é a asociación Bosques Sin Fronteras.











