Apertura do prazo para as obras de sinalización de varios lugares do concello de Bueu
O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas se presenten para acometer as obras de sinaléctica de Bueu, que será de 8 días naturais a contar desde mañá venres. Ademais das que foron convidadas, pode participar calquera outra que estea interesada.
As obras, que contan cunha subvención de 40.000 euros con cargo ao Plan Urxente de Mantemento de Infraestruturas Municipais (PUSIM 2014), inclúen a colocación de sinais para identificar rúas ou avenidas polos seus nomes, ou lugares e parroquias que aínda non o teñen e dos que urxe a súa sinalización. Esta é a primeira fase dunha actuación que abrangue o subministro e instalación de sinais informativas de destino e roteiro urbán.
En concreto, e tal e como se reflicte no proxecto técnico, identificaranse 53 lugares cun total de 105 sinais en dezanove lugares da parroquia de San Martiño de Bueu, dezaoito en Cela, catorce en Beluso, un en Ermelo e outro na Illa de Ons, cuxas ubicacións exactas se poden consultar no proxecto subido á web do Concello. A colocación de cada sinal realizarase a 30 metros da primeira casa do lugar en ambos sentidos, e o prazo de execución está estipulado para dous meses.











