publicidade hoxe

Apego ofrece contacontos, arrolos, música, obradoiros ou xornadas relacionadas coa crianza en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Arredor de 60 familias de Carballo están xa inscritas no proxecto Apego, unha iniciativa que persegue a socialización en galego da infancia, implicando ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos para, así, facilitar que adquiran o galego como lingua inicial. Todas elas recibiron a caixa de benvida cunha mantiña-boneco-apego, un libro de recomendacións para a crianza, un álbum de primeiras experiencias e outros materiais, e algunhas desas familias, naqueles casos en que o neno ou a nena xa naceu, recibiron tamén un disco cunha selección de música infantil en galego. Agora, e despois do balance positivo que realizan do proxecto tanto a Concelleira de Normalización Lingüística, Inés Rodríguez, como o Alcalde, Evencio Ferrero, Apego continúa cun completo programa de actividades formativas, informativas, lúdicas e de dinamización para o apoio á crianza dos nenos e das nenas ata 6 anos, para axudar a tecer redes de apoio e facilitar a socialización en lingua galega.

Conforman este programa un total de 16 actividades, algunhas con dobre edición, para facilitar que poida participar máis xente, nuns casos dirixidas a nais e pais, como os diversos obradoiros e charlas; noutros casos aos propios nenos e nenas, como os contacontos ou concertos; e noutros casos a formadores e formadoras infantís, como a xornada de achegamento aos recursos educativos. Participan nas citas nomes como a compañía Trinketrinke, Xabier Díaz e Guillerme Fernández ou Pablo Díaz con citas na Biblioteca Rego da Balsa, no Pazo da Cultura ou mesmo no Fórum entre outubro e decembro de 2015.

Apego é unha iniciativa conxunta na que colaboran varios municipios de toda Galicia. Os concellos que participan son, ademais de Carballo, A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo, que asinaron o convenio para poñer en marcha o proxecto o pasado 23 de marzo. Está previsto que proximamente sigan sumándose outros municipios. O programa, xestionado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello (SNL, Pazo da Cultura, 1º andar) está dirixido ás familias que o soliciten e que agarden un bebé (por embarazo ou adopción) e que despois da súa inscrición reciben materiais, argumentos, recursos e accións para axudarlles á crianza e para tecer redes de colaboración mutua. Así mesmo, as familias con fillos e fillas de ata 6 anos poden dirixirse ao SNL para inscribirse en Apego e recibir así información sobre todas as actividades e recursos dispoñibles. Hai que mencionar que todas as citas enmarcadas no proxecto Apego son de balde, aínda que moitas teñen límite de praza polo que é preciso realizar inscrición previa. Esta inscrición pode facerse tamén no SNL do Concello.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, non quixo rematar a rolda de prensa na que se presentaron as próximas citas de Apego, sen agradecer o labor da matrona do Sergas en Carballo que colabora na difusión do programa, e tamén do SNL. Así mesmo aproveitou para felicitar á Concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo, Maica Ures, que, ademais de ser usuaria do programa, vén de dar a luz a xemelgos esta semana. Ferrero desexa que continúe a “altísima resposta” que está tendo Apego e que se sigan incorporando máis concellos no futuro.

9 de outubro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.