Ánxela Franco dá a coñecer aos concellos a clínica da Fundación Odontolóxica solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, visitou a clínica posta en marcha pola Fundación Odontoloxía Solidaria e deu a coñecer os seus servizos aos concellos da Coruña.

A través dunha visita institucional, a deputada de Benestar social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, quixo dar a coñecer aos concellos da provincia a existencia e o funcionamento da clínica que a Fundación Odontolóxica Solidaria ten aberta no Edificio da Milagrosa, na Coruña, propiedade da Deputación cedida gratuitamente para a prestación de servizos odontolóxicos a persoas de escasos recursos económicos e que non poden acceder a tratamentos que non presta a seguridade social como obturacións, curetaxes ou hixienes bucais.

Os informes dos servizos sociais dos concellos, acompañados dos do médico de familia son necesarios para o acceso a este recurso que ofrece tratamentos odontolóxicos con custes aseguíbeis, tendo en conta a situación económica dos concellos e os recursos propios. Para poñer o exemplo, unha consulta ten un custo de 12 euros.

A clínica está atendida por un equipo de voluntarios e voluntarias integrado por profesionais da saúde bucodental (fundamentalmente odontólogos/as). A deputada Anxela Franco reiterou na visita a relevancia do recurso dada a situación económica actual. “A Deputación vai seguir colaborando neste tipo de programas solidarios con persoas en risco de exclusión social ou con recursos mínimos e o obxectivo é que cheguen a todos os concellos”, sinalou Ánxela Franco.

A clínica está instalada no edificio da Milagrosa, nun espazo de 152 metros cadrados que foi acondicionado por voluntarios da Fundación que tamén se fai cargo dos gastos de auga e luz. A Deputación da Coruña cede gratuitamente o espazo por un período de 6 anos. Os representantes da Fundación agradeceron na visita a colaboración da Deputación así como o compromiso de colaboración con outras actividades obxecto da entidade como prevención, promoción da saúde ou técnicas de educación da saúde entre outras.

2 de outubro de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.