publicidade hoxe

Andrés Díaz propón un debate sosegado e sen localismos para ubicar a casa do pobo de Silvoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Xuntanza veciñal

Xuntanza veciñal

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e os concelleiros que conforman o grupo de goberno protagonizaron en Silvoso unha xuntanza veciñal para coñecer as necesidades da zona. Os asistentes a esta reunión centraron as súas principais reivindicacións na urxencia de construír unha Casa do Pobo da que ata o de agora carecen por falla de acordo á hora de ubica-la barallándose dúas parcelas, unha en Silvoso de Arriba e outra no de Abaixo como alternativas con máis posibilidades.

Andrés Díaz e os membros do seu equipo de goberno recoñeceron a necesidade de dotar a Silvoso dun Centro Sociocultural debido ao importante número de persoas que residen nesta zona e a posibilidade de desenrolar unha actividade cultural permanente a través dunhas instalacións axeitadas para elo, sobre todo en inverno.

O problema plantexado derivado de dúas alternativas, unha en Silvoso de Arriba e outro no de Abaixo, dificulta a unión de esforzos para materializar esta iniciativa. Por elo o alcalde propuxo aos veciños que afrontaran este tema con sosego e tranquilidade, dialogando e buscando o fin último como é poder dotar a este lugar dunha Casa do Pobo. Díaz sinalou que a solución tiña que arrancar dunha valoración técnica das dúas parcelas ofertadas coa  intención de ver cal delas reunía as mellores condicións de edificabilidade, superficie, accesos, posibilidades de estacionamento de vehículos, etc. O que si manifestou que sería inviable e unha “tolería” sería apostar por dúas Casas do Pobo en Silvoso, “algo inviable e desde logo fóra de toda lóxica”, sentenciou o alcalde.

Díaz comisionou ao tenente de alcalde Enrique Vidal, residente en Silvoso, para tender pontes entre ámbalas dúas opcións e impulsar accións que consensúen unha ubicación definitiva para rematar con esta situación que en nada favorece aos veciños desta zona posto que este enfrontamento localista e dilatado no tempo condénao a non ter Centro Cultural.

Outro tema plantexado na xuntanza foi a necesidade de levantar varios muros caídos que dificultan o acceso rodado de varios camiños rurais e non asfaltados de Silvoso que impiden o normal acceso a propiedades polo que instaron ao Concello a intervir e tentar atopar unha solución. 

A INSUA QUERE A MEDIACIÓN DO CONCELLO PARA SOLICITAR A ESENCIÓN DO PAGAMENTO DO IBI POLA SÚA CASA DO POBO 

Unha vez rematada esta xuntanza en Silvoso o equipo de goberno trasladouse á Insua onde mantivo outra reunión cos veciños desta parroquia que, entre as súas reivindicacións, centraron no problema do pagamento do IBI unha das súas principais preocupacións.

Os veciños consideran “abusivo e desorbitado” o IBI que teñen que pagar pola súa Casa do Pobo, que está a nome da Asociación de Veciños, e piden a súa exención ao considerar que ten e presta un servizo público e pertence a unha entidade sen ánimo de lucro. 

O alcalde manifestou a súa vontade de facer as averiguacións oportunas co fin de poder lograr a exención, si esta fora posible, xa que considera razoable a petición feita polos veciños aínda que explicou que o IBI depende de Hacienda e do Catastro aínda que sexan un imposto eminentemente municipal. “Estamos de acordo no que nos plantexades, pero temos que ver ben o tema porque si fora de titularidade da Comunidade de Montes, e estivera en terreo comunal a exención sería inmediata, pero así, temos que velo. Desde logo tedes todo o noso apoio neste tema e faremos as xestións necesarias para lograr o que solicitades, si é legalmente posible”, indicou Andrés Díaz. 

O presidente da Asociación de Veciños da Insua, Suso Portela, sinalou que lle parecía inxusto que mentres que á Igrexa non se lle cobraba o IBI, unha entidade sen ánimo de lucro e que presta un claro servizo público tivera que afrontar este pagamento que resulta moi gravoso para unha entidade modesta. “Desde logo non me parece normal que nos cobren o IBI e nós, que somos unha Asociación de Veciños, teñamos que abrir en época electoral esta Casa do Pobo a calquera partido político que queira facer un mitin, co gasto de luz e calefacción, si fai frío. Ou que teñamos que deixar que se converta nun colexio electoral sen cobrar nada a cambio. Pois habería que estudar que si nos cobran o IBI, nós lle puideramos cobrar, na mesma cantidade, polo uso electoral da Casa do Pobo. Así quedariamos a pre”, dixo Portela.

Cuestións relacionadas con problemas con varias marquesiñas modernas que non resultan eficaces para abrigar aos usuarios contra a choiva, o rebaixe dun camiño para que non rocen os coches ao pasar, a conservación dunha condución de auga para dúas fontes, antes usadas polos grupos escolares e varios puntos de luz completaron as reivindicacións dos veciños de A Insua.

30 de outubro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.