Ana Pastor reitera o seu respecto ás decisións xudiciais no caso Angrois
A ministra de Fomento, Ana Pastor, reiterou este venres o seu “respecto” ás “decisións dos tribunais” e insistiu en mostrar o seu “apoio” ás vítimas do accidente de Angrois, tras coñecerse o fin da instrución co maquinista do tren como único imputado.
En declaracións dos medios antes da clausura dun foro da FAO celebrado en Vigo, Ana Pastor foi moi concisa ao responder aos xornalistas que lle preguntaron sobre ese peche da instrución: “Dende o primeiro día dixen que hai que respectar as decisións dos tribunais… e o meu apoio sempre ás vítimas”, resolveu.
Ao longo deste venres, un centenar de persoas convocadas polas asociacións de vítimas do accidente do Alvia acontecido en xullo de 2013 concentrouse ante os xulgados de Santiago de Compostela para esixir xustiza e para denunciar o “peche en falso” do caso. Así, criticaron que non haxa máis imputados na investigación porque “hai moitas probas que achegar á causa que sinalan a moitos máis responsables, e que quedarán impunes”.











