Ames convida ás familias do municipio a acoller nenos saharauís co programa Vacacións en Paz
A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada en participar do programa a asistir a unha nova reunión que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar este sábado, 24 de outubro, ás 18:00 horas, no Hotel Scala de Padrón. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello, no número de teléfono 662 371 079.
O programa Vacacións en Paz preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa á súa formación.
O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames e se encarga, por exemplo, do pago do billete de avión de cada neno/a. Todas aquelas familias amesás interesadas en acoller a algún destes rapaces nos meses de xullo e agosto de 2016 poden poñerse en contacto do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 662 371 079. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso Concello.
Xuntanza en Padrón
Dende o Concello de Ames anímase aos veciños e veciñas interesadas en participar deste programa a achegarse este sábado, 24 de outubro, ao Hotel Scala de Padrón. A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza, ás 18:00 horas, unha reunión na que, ademais de afondar en torno ao desenvolvemento do programa Vacacións en Paz, se abordarán outros asuntos de interese como a situación política nos territorios ocupados, a situación humanitaria nos campamentos de refuxiados saharauís ou o desenvolvemento da Conferencia Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí.











