Ames adopta diferentes medidas ante a regularización catastral que está realizando a Dirección Xeral do Catastro
O alcalde de Ames, José Miñones, e os voceiros dos grupos municipais de PSdeG-PSOE, Blas García, Contigo Pódese, Genma Otero, e BNG, David Santomil, compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para dar a coñecer a postura do goberno ante as numerosas queixas recibidas polos veciños e veciñas afectados pola regularización catastral que está realizando o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través da Dirección Xeral do Catastro. Fundamentalmente vanse adoptar tres medidas que son a solicitude da ampliación do período de 15 días para realizar alegacións, a solicitude dun técnico de Catastro para asesorar aos veciños/as amesáns, e a solicitude dunha xuntanza coa Dirección Xeral do Catastro.
Dita regularización da situación/descrición dos inmobles que correspondan a novas construcións, ou alteración das características de inmobles existentes, que non foran comunicadas ao Catastro polos propietarios/as, leva aparellada unha taxa de regularización catastral que é un tributo estatal que ascende a 60 euros por cada un dos inmobles obxecto de regularización, e implicará un incremento do valor catastral dos inmobles que sexan obxecto de regularización e tributará polo IBI que lle corresponda por estes bens.
Ante esta situación, o Concello adopta unha serie de medidas que van desde o asesoramento directo á veciñanza afectada ata a solicitude á Dirección Xeral do Catastro de demandas que entende básicas para minimizar o impacto que esta regularización pode ter entre os veciños e veciñas. Neste sentido, o goberno municipal remitiu unha carta a Catastro para que, nun primeiro momento e de xeito inmediato, se amplíe o prazo de alegacións, establecido en quince días. Ademais, o goberno local solicitou que se envíe a un técnico de Catastro ao Concello para dar conta de toda esa información, habilitando unha oficina para desenvolver ese traballo. Por último, o goberno local demanda que non se aplique esa regularización con carácter retroactivo ou, no seu defecto, que se aplique a partir do 1 de xaneiro de 2016. O goberno local demandará, igualmente, unha reunión urxente coa Dirección Xeral de Catastro.
Desde o Concello poñen a disposición dos veciños e veciñas o número de teléfono 981883002 para calquera consulta relacionada con esta regularización, ademais de manter a oficina de Urbanismo aberta a todos os afectados para realizar as súas consultas. Este departamento está a recibir da orde de entre 80 e 100 persoas ao día para recibir información ante esta situación. Para o alcalde de Ames, José Miñones, as cartas remitidas pola Dirección Xeral de Catastro poñen de manifesto unha clara “falta de información, xa que non se especifican os inmobles que se están regularizando, nin se din as consecuencias que pode ter esta situación, consecuencias directas como cando para o ano que ven o recibo do IBI se vexa incrementado por estas novas regularizacións de vivendas de valor catastral e tamén cando se teña que facer ese cobro con carácter retroactivo deste imposto no referente ao que non se regularizou durante estes últimos catro anos”.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, quixo lembrar que o Concello de Ames non ten nada que ver neste procedemento de regularización e asegurou opoñerse a un “proceso escuro, que non se está a facer de xeito transparente e cunha linguaxe administrativa nada clara. Son moitas cousas nas que non estamos de acordo e nos parece un catastrazo en toda regra”. O concelleiro de Urbanismo, Blas García, manifestou que “desde o primeiro día habilitamos persoal para atender e axudar aos veciños e veciñas e a día de hoxe temos o departamento practicamente colapsado xa que temos a catro persoas atendendo aos afectados, simplemente dando información, o que indica o abuso que está cometendo a Dirección Xeral de Catastro con esta regularización”.
Publicarase un bando informativo
O goberno municipal publicará un bando informativo no que dará conta de toda a información en torno a esta regularización e as súas consecuencias. Ademais, púxose en contacto coa Deputación da Coruña, xa que o recibo do IBI está delegado no ente provincial, para saber que medidas pode adoptar a Deputación e a posibilidade do fraccionamento da débeda en caso de levarse a cabo o cobro retroactivo. O grupo de goberno aludiu, igualmente, á falta de información do anterior goberno do PP, que non informou aos grupos da oposición, goberno entrante e á veciñanza de que ese procedemento estaba en marcha.
No caso de Ames, o procedemento de regularización que se está facendo é de aplicación, a partir da resolución do 9 de decembro do 2014 (BOE do 15 decembro 2014), da Dirección Xeral do Catastro, que inclúe dentro da Xerencia Rexional de Galicia-A Coruña a regularización para os concellos de Ames, A Baña, Corcubión, Dumbría, Frades, Laxe, Neda, Ortigueira, Outes, Paderne, Ponteceso, As Pontes de García Rodríguez e Teo. Este procedemento remata o vindeiro 30 de novembro de 2015. Na comunicación que envía a Dirección Xeral do Catastro ven detallada a regularización correspondente, o número de inmobles, os metros cadrados, o valor catastral, etc. Os propietarios/as poderán formular as alegacións que estimen oportunas no prazo de 15 días hábiles desde o día seguinte o da comunicación.
Para iso deberán enviar as alegacións á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia- A Coruña; rúa Comandante Fontanes, número 7, 15071, A Coruña. Para calquera dúbida os veciños/as poderán poñerse en contacto co Catastro chamando ao número de teléfono 981 16 13 72 ou enviando un correo electrónico á dirección: gerencia.galicia@catastro.minhap.es. Tamén se pode utilizar a liña directa do Catastro: 902 37 36 35 (tamén no 91 387 45 50).











