Ames acollerá o Campionato Galego de Pádel 2015
Preto de 100 parellas procedentes de toda Galicia participarán do 24 de outubro ao 1 de novembro no Campionato Gallego Absoluto 2015 de Pádel que organiza Let Pádel Ames en colaboración co concello de Ames. O evento, que por primeira vez se desenvolve na comarca de Compostela, foi presentado en rolda de prensa polo alcalde José Miñones, o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado, e o xerente da empresa Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense Villar. No transcurso da presentación, o alcalde suxeriu a posibilidade de que, tendo en conta que o concello de Ames é o primeiro de Galicia en crecemento vexetativo, o próximo Campionato Galego de Menores de Pádel, se celebre no municipio, cuestión á que o presidente da Federación se mostrou favorable. Está previsto que ao evento acudan os mellores xogadores e as mellores xogadoras de pádel de Galicia.
Na presentación do evento, o alcalde de Ames, José Miñones, apuntou a posibilidade de que, do mesmo xeito que agora se celebra o Campionato Galego de Pádel na modalidade de adultos, nunha vindeira ocasión se poida celebrar o Campionato Galego de Menores: “Ames é o concello de Galicia onde se rexistran máis nacementos e sería un bo escaparate para dar a coñecer entre a poboación máis nova este deporte”. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado, amosou a súa satisfacción por este convite e manifestou que a Federación faría todo o posible para que así fose e poñería todos os medios para axudar a difusión do deporte entre os cativos e as cativas. Pola súa banda, o xerente de Let Pádel, Miguel Martínez de Orense Villar, corroborou as palabras do presidente e mostrouse disposto a chegar a acordos de colaboración co Concello para difundir a práctica do pádel entre os/as máis novos.
É a primeira vez que o Campionato Galego de Pádel se celebra en Ames. O evento, no que participarán ao redor de sesenta parellas masculinas e máis de trinta femininas, realizarase nas instalacións que a empresa Let Pádel Ames ten no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. O sábado 24 e o domingo 25 celebraranse as roldas previas de cadros das categorías feminina e masculina e a fin de semana seguinte, os días 31 de outubro e 1 de novembro, desenvolveranse os cadros finais. O Campionato outorgará 7.200 premios en metálico e varios agasallos máis, entre eles reloxos dunha importante marca. Ademais todos os asistentes ás finais participarán nun sorteo de agasallos que inclúe estancias en hoteis e equipamentos para a práctica deste deporte. Esta previsto que ao remate das competicións se celebre unha festa que, en palabras do xerente de Let Pádel “será a gran festa do pádel galego”.
A iniciativa de traer o Campionato Galego de Pádel 2015 a Ames parte da empresa Let Pádel Ames, radicada no Concello desde hai tres anos. Cunha superficie de 3.200 metros cadrados construídos e preto de 4.200 exteriores e 8 pistas de pádel Indoor, este recinto deportivo é o club de pádel máis grande de toda Galicia. Dáse a circunstancia de que ademais Led Pádel Ames conta cunha pista panorámica, a primeira posta en marcha na Comunidade Autónoma. O Concello de Ames e a Xunta de Galicia, ademais de varias empresas privadas, colaboran con este evento deportivo.











