Ames acolle as finais do Campionato Galego Absoluto de pádel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O concello de Ames será escenario, esta fin de semana, da celebración da fase final do Campionato Galego Absoluto de Pádel. Preto de 100 parellas procedentes de toda a comunidade participan desde a pasada fin de semana nun evento que que organiza Let Pádel Ames en colaboración co Concello de Ames. É a primeira vez que o Campionato Galego de Pádel se celebra no noso municipio. O campionato, no que participan arredor de 70 parellas masculinas e máis de 30 femininas, desenvólvese nas instalacións que a empresa Let Pádel Ames ten no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. A pasada fin de semana celebráronse as roldas previas e esta fin de semana, o sábado 31 de outubro e o domingo 1 de novembro, desenvolveranse os cadros finais. O Campionato outorgará 7.200 euros en premios e varios agasallos máis, entre eles reloxos dunha importante marca.

Mañá sábado, 31 de outubro, terán lugar os partidos de cuartos de final. Os partidos desenvolveranse a partir das 17:00 horas en categoría feminina e a partir das 19:00 horas en categoría masculina. Para o domingo, 1 de novembro, quedan os partidos de semifinais e finais. As semifinais disputaranse en horario de mañá. Serán ás 10:00 e 11:00 horas en categoría feminina e ás 12:00 e 13:00 horas en categoría masculina. As finais serán pola tarde. Ás 17:00 horas a final feminina e ás 19:00 horas a final masculina. 

Premios e agasallos

A partir das 18:30 horas do domingo comezarase a entrega de premios con catering e o sorteo de agasallos entre os asistentes ás finais. Repartiranse 7.200 euros en premios e, ademais, o público participará nun sorteo de agasallos que inclúe dúas escapadas rústicas, dúas escapadas pintorescas e dúas palas Drop Shot. Está previsto que ao remate das competicións se celebre unha festa que, en palabras do xerente de Let Pádel, Miguel Martínez, será “a gran festa do pádel galego”.  

A iniciativa de traer o Campionato Galego de Pádel 2015 a Ames partiu da empresa Let Pádel Ames, radicada no concello desde hai tres anos. Cunha superficie de 3.200 metros cadrados construídos e preto de 4.200 exteriores e 8 pistas de pádel indoor, este recinto deportivo é o club de pádel máis grande de toda Galicia. Dáse a circunstancia de que ademais Led Pádel Ames conta cunha pista panorámica, a primeira posta en marcha en Galicia. O Concello de Ames e a Xunta de Galicia, ademais de varias empresas privadas, colaboran con este evento deportivo. 

30 de outubro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.