Amancio Prada dá voz a Rosalía e a Cunqueiro en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVigo
A-
A+

Máis de 40 anos de música avalan a traxectoria de Amancio Prada. O artista celebra o 40 aniversario do seu disco monográfico dedicado a Rosalía de Castro, que o lanzou á fama con grandes éxitos como “Adiós ríos, adiós fontes”. Amancio Prada chega a Vigo cun concerto íntimo e acústico e con toda a forza e ilusión do mundo e lembra como comezou todo fai catro décadas: “Fai corenta anos que coñecín a Don Álvaro Cunqueiro. Foi precisamente durante a presentación do disco de Rosalía en El Corte Inglés de Vigo, no outono de 1975. Anos despois dedicaríalle o disco monográfico A dama e o cabaleiro,que presentamos neste mesmo teatro. Por iso ten para min sentido e unha emoción especial este concerto en Vigo, cantando aos dous poetas de Galicia que máis alimentaron o meu canto“.

Amancio Prada canta a Rosalía e a Cunqueiro este venres 30 de outubro ás 20.30h no Teatro Afundación de Vigo. Prada é un dos cantautores máis persoais do panorama musical español, cunha extensa discografía desde os anos 70. Formado en París, a súa obra é unha homenaxe á literatura con referencias a Jorge Manrique, San Juan de la Cruz, Santa Teresa, Rosalía de Castro, García Lorca ou Álvaro Cunqueiro, entre moitos outros. A súa música encheu os grandes teatros nacionais como o Teatro Real, Teatro Español, Palau da Música, e internacionais como o Piccolo Teatro de Milán ou o Teatro Odeón de París. 

O seu regreso a Galicia tras a súa actuación no Festival da Luz o pasado mes de setembro, causou gran sensación. As entradas xa están á venda en Ataquilla, a un prezo de 8 euros Máis da metade das entradas xa foron vendidas e espérase un cheo total para recibir a Prada que declara sobre estes dous grandes poetas galegos: “A partir de entón nunca deixei de cantar a Rosalía e a Cunqueiro. A poesía é como un mar que lle devolve aos ríos a súa antiga memoria”.

27 de outubro de 2015 | 10:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.